O circuíto de pump track de Salceda convértese nun referente en Galicia

O Concello de Salceda de Caselas vén de recuperar o circuíto de pump track existente no barrio do Torrón, na parroquia de Entenza, realizando obras de mellora no mesmo que fan que de novo poida ofrecer a súa mellor cara para as persoas amantes deste deporte. Así, reconstruíronse as curvas refacendo os radios e aumentando a altura, desprazáronse dúas destas curvas por completo, redistribuíronse os dubis cambiando as alturas e algunhas distancias e fixéronse tamén un par de saltos novos. Ademais ensanchouse toda a liña do circuíto para dar unha maior seguridade e fixéronse varias ramplas no centro do mesmo para que as persoas que o empregan poidan ter varias variantes e non facer sempre o mesmo percorrido. Aproveitouse tamén para facer unha limpeza de pedras e outros elementos que puidese haber no espazo, garantindo deste xeito unha mellor seguridade. A reforma complétase coa mellora da iluminación do espazo así como a recuperación do rego automático.

En palabras da Alcaldesa, Loli Castiñeira, “temos clara a importancia de ofrecer espazos de deporte e lecer. Con este proxecto queremos dar resposta ás peticións achegadas pola xuventude de Salceda, que ademais de facer uso deste circuíto colaboran no seu mantemento e coidado”.

O circuíto de Salceda foi construído fai máis de unha década coa axuda da Asociación Xuvenil “Made in Salceda”e da xenta da comunidade biker da zona nos terreos cedidos pola Comunidade de Montes de Entenza. É o único de terra en Galicia, o que o ten convertido xa nun referente, posto que son moitas as persoas que prefiren este tipo de circuítos antes que os asfaltados para os seus adestramentos. As persoas usuarias poñen en valor tamén a lonxitude do percorrido ademais das innumerables opcións que ofrece, con posibilidade de inventar novas alternativas en cada volta. 

Marcos Troncoso, Concelleiro de Deportes: “Salceda conta neste momento con deportistas que lideran o panorama galego tanto na disciplina do pump track como noutras disciplinas de bici como o XC ou descenso, por iso cremos que é primordial ofrecer unhas instalacións onde poidan adestrar e seguir mellorando para acadar novas metas”.

Con esta mellora prevese que o circuíto pase a ter un amplo uso por parte de deportistas de numerosos Concellos, e tan só nestes días téñense achegado xa persoas de Salvaterra, Ponteareas, Porriño, Pazos de Borbén, Moaña, Vigo, Pontevedra, Silleda, Domaio, Tui ou Ourense, entre outros, ademais de numerosas persoas de Salceda. O espazo é útil dende a cativada máis pequena que comeza no mundo do pump track ata as persoas máis experimentadas. Campións e campionas galegas de diferentes categorías lévanse achegado pola zona estes días, o que dá boa mostra da importancia deste circuíto.

 

Gabinete de prensa, 16 de agosto de 2024