O Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas xa conta coa segunda planta habilitada

Salceda de Caselas, 05 de decembro de 2024
O Centro de Enfermidades Neurodexenerativas de San Xurxo, xestionado por AFAGA, ten xa as súas dúas plantas operativas, logo de que a segunda planta fose habilitada polo Obradoiro Dual de carpintería e albanelería que vén de rematar fai uns días. Nesta segunda fase de rehabilitación da antiga casa-escola de Vendanova, o alumnado do obradoiro de emprego realizou as tarefas de albanelería interior, colocación de illamentos e impermeabilizacións, revestimentos e acabados, así como a carpintería interior de madeira. Deste xeito, esta nova instalación inclúe unha sala polivalente, dous despachos e sala de espera, e completarase coa instalación do elevador que xa está en marcha dentro do Plan Máis Provincia 2024.
En palabras da Alcaldesa, Loli Castiñeira, “co traballo realizado por este obradoiro conseguimos diferentes obxectivos: dar emprego e formación a 20 persoas do noso Concello, recuperar o noso patrimonio, neste caso a segunda planta da antiga escola de San Xurxo, e xerar máis servizos para os e as nosas persoas maiores. Seguimos adiante ca nosa liña de traballo e cumprindo o obxectivo de mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.
O CEN está xestionado pola Asociación de Familiares de Alzheimer e outras demencias, con 10 prazas de atención a persoas diagnosticadas que neste momento están todas cubertas, pero tamén con talleres preventivos para maiores sen ningún tipo de demencia, que cada ano atenden a máis de 30 persoas. Con esta nova planta, AFAGA poderá incrementar os servizos ofrecidos ás familias, con unha atención máis individual e outro tipo de accións diferentes das que viña realizando ata o de agora, mellorando a atención e soporte familiar a demanda que se vén realizando por parte dunha traballadora social e unha psicóloga.
O Obradoiro Dual de Emprego “Reformas e melloras de centros formativos e cívicos” desenvolveuse entre novembro de 2023 e novembro de 2024, formando a 10 persoas en albanelería e outras 10 en carpintería con un contrato remunerado. O Obradoiro contou con un orzamento de 531.046,20€ subvencionados pola Consellería de Promoción do Emprego e da Igualdade da Xunta de Galicia, e ademais desta rehabilitación supuxo a creación dun espazo de lacado e vernizado no CDL O Torrón, a instalación de diferentes armarios no Centro Social A Devesa e a reforma da oficina de dirección do CDL O Torrón.
A Concelleira de Benestar Social, Selene González, definiu este proxecto como “unha obra necesaria que permite mellorar instalacións e facelas accesibles para seguir aumentando os servizos que tanto precisa a nosa sociedade” lembrando que “previr e acompañar no proceso de envellecemento e da aparición de demencias na nosa sociedade é unha prioridade para este goberno”