O Caselas Fútbol Club ven de celebrar nas pasadas datas dúas asembleas xerais extraordinarias nas que se abriu o proceso electoral para presentación de candidaturas para a elección dunha nova Xunta Directiva. O actual presidente, coa súa Xunta Directiva, veñen de presentar a súa dimisión, abríndose polo tanto o proceso de elección da nova dirección do club. O proceso electoral pechouse o pasado sábado 21 de maio sen que se presentasen candidaturas, poñendo en perigo a supervivencia da entidade.
A directiva en funcións seguirá xestionando o club ata a vindeira asemblea ordinaria que se celebrará este sábado 18 de xuño, onde ademais presentará as contas do actual exercicio. Se antes da Asemblea non se presentou ningunha candidatura que solucione a situación, está convocada a continuación unha Asemblea extraordinaria para a disolución da entidade. Os socios ou socias interesados/as en presentarse ou formar directiva poden dirixirse á oficina do Pavillón Municipal dos Deportes de Salceda ou ó telefono 680400978.
O Caselas F.C. selou a permanencia en Preferente Autonómica Grupo Sur o no seu enfrontamento co Domaio. Os outros dous equipos que forman o club, o Caselas “B” e o Xuvenil, pecharon unha excelente tempada. Esta situación deportiva unida á situación económica saneada é un aliciente para que de entre os socios/as xurdan iniciativas para conducir o club, que na vindeira tempada celebrará as súas vodas de ouro. 50 anos de historia do fútbol en Salceda que buscan unha xunta directiva que celebre e dea continuidade a todo un referente do deporte Comarcal.
Carla Pérez, Concelleira de Deportes, e Loli Castiñeira, Tenente de Alcalde do Concello de Salceda, participaron na Asemblea do Club, amosando o apoio do Concello á entidade, e poñendo a axuda do Concello a disposición do Club neste proceso, así como no día a día do mesmo. O Concello axuda ao Caselas Fútbol Club con unha subvención de 18.000 € anuais, ademais de poñer á súa disposición o Campo de Fútbol Municipal da Gándara, encargándose así mesmo do seu mantemento diario. Por outra banda, o Club recibe a axuda do Concello para sufragar os gastos de desprazamentos nos partidos fora da localidade.