O 2017 é ano de aniversarios en Salceda, e un dos máis notorios vai ser sen dúbida o 50 aniversario do equipo de fútbol local: o Caselas Fútbol Club. O equipo naceu no ano 1967, dando continuidade ao “Salceda”, que viña acollendo ata o de entón aos aficionados ao fútbol no municipio.
O Concello de Salceda traballa man a man coa Comisión encargada da organización deste aniversario, así como coa directiva do equipo para lograr un resultado conxunto que sirva de celebración para o evento. Así, por parte do Concello, entre outras iniciativas, estase a traballar na publicación dun libro que, da man do autor Xosé Ramón Paz Antón, fará un percorrido pola historia do fútbol no municipio.
Pola súa banda, un grupo de ex xogadores e ex directivos constituíron unha comisión de organización dos actos do aniversario. Esta comisión, que se encargara xa dos actos do 25º e do 40º aniversario, traballa no acto central, que terá lugar o sábado 1 de xullo. A xornada comezará con un acto de recepción e recoñecemento de antigos xogadores, directivos e adestradores, así como dos/as socios/as e os/as afeccionados/as. O acto terá lugar no mesmo campo da Gándara, onde a continuación se celebrará un partido amistoso entre as denominadas “vellas glorias” do Caselas. A festa completarase con un almorzo de confraterización nas Bodegas La Val (Arantei). As persoas interesadas poden reservar o seu prato nos teléfonos 669381515, 639865532, 663973732 ou no Bar Central (986349066), facendo o ingreso do custo do xantar (35€) no número de conta habilitada para este fin: ES14 2100 4550 80 0100309211.
Estes cincuenta anos lévanlle dados momentos gloriosos ao equipo, como a clasificación para representar a Galicia no Campionato de España de Afeccionados, na tempada 1973/1974, que os levou a Santander para enfrontarse co Castro Urdiales, ou na tempada 1976/1977 cando se proclamaron campións da Segunda Rexional, ascendendo á denominada Serie A. Pero sen dúbida o momento máis importante para o equipo prodúcese no ano 1992, co ascenso a terceira división, categoría na que se mantivo ata o 2001.
Comisión, directiva e Concello traballan conxuntamente co obxectivo de celebrar da mellor maneira este aniversario. Prevese un día de reencontros e emocións, onde a gran familia do Caselas se volva reunir nunha data tan especial.