A vindeira semana comezarán as obras do proxecto de ampliación da rede de saneamento de Bouzavedra, na parroquia de San Xurxo, que lle vai permitir a 24 casas contar con este servizo esencial. O proxecto, en marcha xa dende a lexislatura pasada, sufriu un importante retraso por mor da COVID19, pero agora por fin se fai realidade. Os últimos detalles para o inicio da obra concretáronse esta mañá nunha reunión presidida pola alcaldesa, Loli Castiñeira, con asistencia de parte do equipo de goberno, a empresa constructora, a directora da obra e o xerente do Consorcio do Louro.
Prevese a construción dun colector de 760 metros de lonxitude que funcionará mediante un sistema de bombeo, conectado á rede existente actualmente na zona, e que se realizará na súa totalidade a través de terreos de titularidade pública. O proxecto, que conta cun orzamento de 157.097,18 €, foi adxudicada por unanimidade polo Consorcio do Louro a Construcciones Vale, ten un prazo de execución de 6 meses e será executada cos fondos do Consorcio de Augas do Louro dentro do libro de ruta para a construción de novos tramos de saneamento nos catro Concellos (Salceda, Mos, Porriño e Tui).
O proxecto supón un novo paso na consecución do saneamento integral de Salceda, aínda que lembran dende o Concello que a día de hoxe a Xunta segue sen executar os proxectos de saneamento das parroquias de Soutelo e Entenza, despois de que devolvesen os fondos europeos por non poñer o 20% que lle correspondía á Xunta. Precisamente esta semana dende o Concello remitiuse unha nova solicitude de reunión coa Conselleira, e xa van catro, para tratar sobre esta cuestión, pois ata o de agora ningunha das tres solicitudes anteriores obtivo resposta.
Rubén González, concelleiro de medioambiente: “avanzar no saneamento integral de Salceda é unha prioridade para este equipo de goberno, dentro das limitacións orzamentarias continuaremos facendo esforzos xa sexan con fondos propios ou xestionando financiación para levar o saneamento ás vivendas do noso municipio”
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, amosou a súa satisfacción polo inicio destas oobras que deixan aos veciños e veciñas do barrio de Bouzavedra en igualdade de condicións, pois ata o de agora sólo a metade alta do barrio contaba con este servizo. “Seguimos a traballar pola mellora das nosas parroquias, conscientes de que a vida no rural debe ter as mesmas condicións e servizos que a vida no casco urbano, polo que a aposta deste equipo de Goberno seguirá a ser a mellora das sete parroquias de Salceda. Agardamos que a Xunta de Galicia tome nota e poña en marcha canto antes os proxectos para as parroquias de Soutelo e Entenza, despois de que os perdesen por non asumir a súa parte de aportación”.
Gabinete de prensa, 16 de setembro de 2020