Novo Plan Municipal de Formación

A Concellaría de Formación e Emprego de Salceda de Caselas, que dirixe Loli Castiñeira, ven de anunciar a posta en marcha de cinco novas accións formativas, incluídas dentro do Primeiro Plan Municipal de Formación 2016. Os cursos van dirixidos, especificamente, a persoas en situación de desemprego e que estean dadas de alta na Bolsa de Emprego Municipal. A iniciativa buscar mellorar a cualificación profesional dos/das participantes de cara a facilitar a súa inserción no mercado de traballo.

As persoas interesadas en participar nestes cursos deberán presentarse no día e horas indicadas para cada un deles no CDL ‘O Torrón’, onde realizarán a inscrición e a correspondente proba de selección.

Os cursos a impartir serán os seguintes:

  • Alérxenos e Manipulación de Alimentos; de 30 horas de duración. A inscrición e proba de selección será ás 10 h do día 22 de febreiro.
  • Axudantes de cociña; de 40 horas lectivas. Inscrición e proba de selección ás 10 h do día 23 de febreiro.
  • Informática dende cero; de 40 horas. Inscrición e proba de selección ás 10 h do 24 de febreiro.
  • Manipulador/a de carretillas elevadoras; con 20 horas de duración. Inscrición e proba de selección o 25 de febreiro, ás 10 h.
  • Técnicas de mobilización de persoas dependentes; 20 horas con inscrición e proba de selección ás 10 h do 7 de marzo.

Os requisitos para poder acceder a estes cursos serán o de estar en situación de desemprego e inscritos ou inscritas na Bolsa de Emprego Municipal con data anterior á solicitude do curso. Tanto as datas de realización dos cursos como o programa formativo,  pódense consultar no CDL ‘O Torrón’ ou na web www.salcedaemprego.es

A concelleira de Emprego e Formación, Loli Castiñeira, salientaba a importancia destas actividades formativas “que permiten aos participantes acadar unha cualificación profesional que lles facilita a súa inserción no mercado laboral. Dende a Concellaría de Formación e Emprego consideramos fundamental a mellora da formación e preparación profesional das persoas desempregadas, sendo esta unha das ferramentas básicas que teñen os Concellos, dentro das súas limitadas competencias, para loitar contra o desemprego”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Este Plan Municipal de Formación vai destinado a mellorar a preparación das persoas que nel participan e facilitar que poidan acceder, con maiores garantías, a un mercado laboral cada día máis competitivo”.

 

Gabinete de Prensa, 11 de febreiro de 2016