A Asociación Xuvenil e Cultural Radio Caselas ven de presentarse en Salceda como unha entidades en ánimo de lucro formada por un grupo de mozos e mozas cunha inquietude en común: o mundo da radio. Dende o pasado mes de decembro veñen emitindo en probas dende as instalación do Concello, na frecuencia 107.6, coa denominación “Radio Lider Caselas”. Durante estes meses levaron a cabo modificacións diversas que lles permitiron, a día de hoxe, emitir na práctica totalidade do municipio, especialmente difícil pola súa orografía. Os problemas da emisión analóxica solvéntanos sen dúbida coa emisión dixital, estando presentes en internet, na TDT e incluso coa súa propia aplicación para móvil. A emisora local apóiase en Radio Lider, coa que conectan cando non ofrecen programación propia, e da que agradecen o apoio que están a recibir.
Os compoñentes da Asociación comentaron que a súa intención e seguir aumentando o número de voluntarios dispostos a facer programación na radio, e amosáronse moi satisfeitos coa acollida que está a ter o proxecto ata o de agora. Actualmente están emitindo tres programas semanas nas fins de semana:
– Treboada de Caselas. Magacine de música e actualidade dirixido por Miguel Do Reis e Juan Manuel Pérez. Emítese os venres.
– Caselas Street. Programa de variedades centrado na axenda cultural e deportiva de Salceda e arredores. Presentado por Samu e Ekix. Emítese os sábados.
– Reporteiros de Caselas. Programa de entrevistas, concertos, gravacións…. Con Patricia, Gloria e Noelia. Emítese os domingos.
Así mesmo, Damián Estévez, Presidente da Asociación, aproveitou para anunciar a posta en marcha dun informativo local a partires do 1 de agosto, con unha duración de 20 minutos, que se emitirá tres días á semana (ás 13:30 e ás 22:00).
Por outra banda, o vindeiro 11 de xullo vai ter lugar na Praza do Concello a Festa presentación da emisora, con actividades dende as 16:00 horas e co punto álxido ás 23:00 con unha festa con discoteca móvil. A asociación agradeceu a colaboración do Concello, así como das diferentes casas comerciais que axudan a que esta e outras iniciativas poidan levarse a cabo.
Teresa Pérez, Concelleira de Novas Tecnoloxías, felicitou á Asociación polo enorme traballo que están a levar a cabo. “Resulta moi gratificante ver un grupo de rapaces con tantas ganas e ilusión nun proxecto. Dende o Concello están a recibir todo o noso apoio, e así o seguiremos a facer con proxectos asentados e traballados coma este”.