Montse Rivera leva “Cóntoche un traxe” a Salceda de Caselas

Dentro da programación do Verán Cultural, a Casa da Cultura Castelao acollerá a actividade de Montse Rivera “Cóntoche un traxe” o vindeiro xoves 9 a partires das 20:00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo.

Montse Rivera comezou a interesarse polo mundo da tradición hai 30 anos. Foron moitos os pobos de Galicia que visitou, moitas as persoas coas que falou e ás que lles preguntou por como se divertían cando eran mozos, que cantaban, que bailaban, a que xogaban e como era a roupa que levaban.

Despois de traballar moitos anos en grupos de renome moi preocupados pola recuperación e evolución do vestiario tradidiconal como Leilía, Brincadeira, Cantigas e Agarimos… nos que hai un grande interese en reproducir a maneira que tiñan de vestirse os noso devanceiros, Montse propón nestes momentos unha actividade para reflexionarmos sobre como nos vestiamos antes e como nos vestimos agora. Unha maneira de intentar que non se perda esta parte de nós que cada día vai quedando máis esquecida e só relegada a aquelas agrupacións folclóricas que buscan manter vivos aqueles traxes que se usaban antano.

Dunha maneira dinámica e amena fai unha viaxe no tempo para ver como era o vestiario dos nosos tatara-tatara-avós. A narración vai compañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que os vestían, poemas de grandes da literatura galega nos que se alude a pezas do vestiario decimonónico e de proxeccións de imaxes de traxes tradicionais e materias cos que se fabricaban as teas; e tamén, o máis importante, manipúlanse estas pezas de roupa, e catro asistentes, dous voluntarios e dúas voluntarias, acabarán a charla vestidos como os seus tatara-tatara-avós.

O resto dos asistentes a esta charla, para que poidan levar un recordo da mesma, xa que non todos se van poder vestir, poderanse sacar unha foto nun fotocall dunha parella vestida ó xeito tradicional.

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Creemos en actividades como esta para achegaras nosas tradicións aos pequenos, e para facerlles lembrar aos maiores. Montse Rivera fai un enorme traballo neste ámbito, e para Salceda é un orgullo acoller este tipo de iniciativas”.