O Concello de Salceda de Caselas ven de adquirir dous novos vehículos para o parque móbil das Concellarías de Vías e Obras, Medioambiente e Medio Rural. Trátase dun camión con grúa e volquete e dun tractor de desbroce.
No primeiro caso, o camión con grúa e volquete será sen dúbida de gran axuda en tarefas tan diversas como limpeza de camiños e estradas de tituralidade municipal, transporte de asfalto para bacheo, traslado e colocación de postes para o alumeado público, transporte de materias para todo tipo de obras que realicen os operarios municipais, obras varias no ámbito rural e urbano ou recollida de enseres voluminosos para o seu posterior traslado a unha planta de reciclaxe.
O camión mercouse con cargo ao Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, por un importe de 27.000 €.
No caso do tractor para desbroces, será empregado nas labores de desbroce nos camiños e estradas de titularidade municipal así como nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa de ámbito municipal para a protección dos núcleos poboacionais. Neste caso, a adquisición foi posible grazas a un convenio coa Consellería de Medio Rural, na cal a Consellería asume os 87.750 € de custe do tractor, e o Concello o IVE correspondente.
Miguel González: “con estas dúas novas adquisicións, mellorarase notablemente o servizo de mantemento levado a cabo dende o propio Concello, podendo atender as demandas veciñais en menor tempo e cuns mellores resultados”.
Marcos Besada: “Melloramos os equipamentos municipais atendendo as demandas das nosas veciñas e veciños. Por outra banda, estas adquisicións demostran unha vez máis que a colaboración entre as diferentes administracións producen os mellores resultados”.