O Alcalde de Salceda, Marcos Besada, xunto co Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, permanece estes días na cidade arxentina de Bos Aires, para participar nos festexos do centenario da fundación da Casa de Tui, integrada na Asociación Tui-Salceda. Xa en xaneiro de 2016 a Asociación Tui-Salceda remitiu convite ao Concello para contar coa presenza de representación do Concello de Salceda nos actos do aniversario. Tras comunicar tamén dito convite aos grupos da oposición, o Alcalde desprázase á cidade arxentina en representación do Concello de Salceda.
A Casa de Tui e o Centro de Protección Agrícola do Distrito de Salceda (fundado en 1.913) uniron os seus destinos no ano 1.975. Dende aquela as familias emigrantes salcedenses e tudenses defenden conxuntamente a nosa memoria colectiva e traballan arreo polo ben dos/as nosos/as emigrantes e dos nosos Concellos.
A entidade arxentina ten preparada unha completa programación para a visita dos alcaldes, que incluirá percorrido polo Congreso da Nación, polo Colexio Santiago Apostol ou polo Centro Galego de Bos Aires, entre outros. Así mesmo, os Alcaldes acudirán a unha homenaxe a Rosalía de Castro. Por outra banda, mañá venres, na Lexislatura da Cidade de Bos Aires, serán declarados “Hóspedes de Honra da Cidade”.
O sábado terá lugar unha recepción no Club Tui Salceda, con asistencia de Presidentes de diversas institucións galegas, autoridades da Xunta de Galicia e da embaixada, e xa o domingo será o acto central do Centenario, con asociados/as tudenses e salcedenses.
Marcos Besada aproveitará tamén a viaxe para visitar diversos lugares de interese dentro da cidade de Bos Aires, así como manter entrevistas con emigrantes que desenrolaron papeles importantes en sociedades relacionadas coa emigración. Así mesmo, servirá tamén de enlace para conseguir novos materiais para o AMIS (Arquivo Municipal da Imaxe).
Marcos Besada agradeceu o convite feito dende a Asociación Tui-Salceda, e felicitou aos salcedenses emigrados pola creación de asociacións como a que hoxe cumpre cen anos: “sodes parte de Salceda e sempre seguiredes a selo. Nunca serán suficientes os agradecementos que fagamos aos nosos emigrantes por toda a axuda recibida durante tantos anos. A pesar da grande distancia que nos separa, hoxe estamos máis unidos que nunca, e así queremos que siga sendo”.