Este sábado día 15 chega a sedunda sesión do ciclo de humor “Caselas con C de Comedia”, que se celebra no Auditorio Municipal de Salceda, organizado por ACISA coa colaboración do Concello de Salceda, e baixo a xestión de Moita Merda Produccións. Nesta ocasión será o coñecido actor Manquiña o que se subirá ao escenario ás 21:00 horas para facer chegar o seu humor ao público que se achegue. As entradas teñen un custo de 10 € anticipada (Cocinillas en Salceda, Vagalume en Salvaterra e O Túnel en Ponteareas) e 12 € para os que as merquen na propia taquilla o día do monólogo.
O pasado 24 de setembro fora o salcedense David Amor o encargado de abrir o ciclo, conseguindo un cheo absoluto no Auditorio Municipal, que agora agarda repetir Manquiña. As citas pendentes serán o día 19 de novembro con Carlos Blanco e o máis puro humor galego para rematar, o día 11 de decembro, por todo o alto, coa actuación de Quique San Francisco.
Tódalas actuacións terán lugar no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas ás 21 horas e o prezo das entradas é de 10 euros no caso de que se merquen con anticipación e de 12 euros se se retiran na billeteira do propio Auditorio Municipal.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “Salceda convértese en punto de encontro do humor, recibindo xente chegada de moi diversos puntos. Agardamos que o Auditorio Municipal volva encherse para ver a outro dos grandes, como é o caso de Manquiña”.
Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio: “Caselas con C de Comedia está a supoñer a presenza de moita xente na nosa vila, cos conseguintes beneficios para o comercio local. Unha vez máis, o Concello apoia as iniciativas que poidan favorecer ao noso comercio, e este ciclo é unha boa mostra”.