Máis de 30 actividades no Nadal de Salceda

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Nadal do Concello de Salceda, que traerá máis dunha trintena de actividades para tódolos públicos ao longo dun mes.
O “pequeno circo de Nadal” será sen dúbida o prato forte da programación, cunha carpa na Praza do Concello que ao longo de tres días se convertirá nun espazo simbólico compartido no que vivir unha experiencia de Nadal, tal e como o definiu Nelson Quinteiro, director artístico do proxecto. O pequeño circo acollerá actividades diversas con zonas de lecer nas que a rapazada poderá debuxar, pintar, facer manualidades, maquillarse, etc, pero tamén cunha zona de espectáculo pola que pasarán contacontos, concertos como o de Pakolas, baile, xogos e un sinfín de actividades para toda a familia. Ademais unha parella de Apalpador e Apalpadora xigantes percorrerán cada día as rúas da vila, acompañados polos apalpadoriños que porán a parte musical, con panxoliñas, cantos de reises e música tradicional en xeral.
Pero o pequeno circo de Nadal non será a única actividade destas festas, que se completan con citas ineludibles como o Certame de panxoliñas ou o concerto de Nadal da banda de Salceda, ou a xa tradicional San Silvestre solidaria que o 27 de decembro prevé acoller a máis de 700 participantes nunha das citas deportivas máis multitudinarias do municipio.
Outra cita que sen dúbida atraerá a centos de persoas será unha nova edición da xuntanza de ranchos de reis, que cada unha das veces que se ven celebrando no municipio está a resultar de gran éxito, polo que se prevé que tamén nesta ocasión sexa un acto multitudinario.
Tamén o comercio local participa nestas datas coa participación no concurso de escaparates organizado dende o Concello. A veciñanza será a encargada de elexir o establecemento ganador, para o que poderá votar na urna que se instalará na Casa da Cultura Castelao entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro.
A programación de Nadal remata o 5 de xaneiro coa xa tradicional Cabalgata dos Reis Magos, que un ano máis correrá a cargo de diversas asociacións da vila, e que repartirá centos de quilos de caramelos sen glute entre o público.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, Verónica Tourón, Concelleira de Comercio, e Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, definiron o Nadal de Salceda como un Nadal especial e diferente, froito do traballo en equipo e sobre todo da transversalidade das diferentes áreas, na busca do mellor resultado para tódolos públicos.
Loli Castiñeira: “Salceda ten máis de 1600 nenos e nenas, e sen dúbida a infancia ten que ser a grande protagonista destas festas. O excepcional dinamismo do noso Concello refléxase tamén no Nadal, polo que queremos convidar a toda a veciñanza a participar nos diferentes actos programados e a desfrutar con nós deste Nadal tan especial”.

Gabinete de prensa, 10 de decembro de 2019

PROGRAMACIÓN NADAL 2019/2020

Xoves 5 de decembro
– 18:00 “A Bailar no Nadal” con Animar-t. Praza da Devesa
– 19:00 Acendido alumeado Nadal. Praza da Devesa
Venres 6 de decembro
– Día do Voluntariado
Sábado 14 de decembro
– 20:00 Teatro, Fillos do Sol. Auditorio Municipal
Domingo 15 de decembro
– Festival dos maiores. CSS A Devesa
Sábado 21 de decembro
– 20:00 Audición Escola de Música. Auditorio Municipal
Domingo 22 de decembro
– 18:00 Festival de Panxoliñas. Auditorio Municipal
o Coral Polifónica da Cañiza
o Coral Polifónica Marusía de Bueu
o Coral Polifónica Santa María de Salceda
o Coral Polifónica de Entenza
– 19:00 Visita do Apalpador. Praza do Concello
26, 27 e 28 de decembro
– Pequeno Circo de Nadal. Praza do Concello
Venres 27 de decembro
– IX San Silvestre Solidaria
Sábado 28 de decembro
– 20:30 Concerto de Nadal da Banda Cultural de Salceda. Auditorio Municipal
Domingo 29 de decembro
– 12:30 Presentación do libro de Alejandro Cuñi. Auditorio Municipal
– 16:00 Xuntanza de Ranchos. Praza do Concello
Sábado 4 de xaneiro
– 17:00 Concerto Mais’on fire. Praza do Concello.
Domingo 5 de xaneiro
– 18:00 Cabalgata de Reis.

ADEMAIS
– Do 23 de decembro ao 13 de xaneiro. Exposición de Debuxos de alumnos do CEP Altamira. Casa da Cultura Castelao
– Do 23 de decembro ao 3 de xaneiro. Concurso de escaparates de Nadal.