IV Curso de música e baile galego Concello de Salceda

A Concellaría de Cultura de Salceda de Caselas, que dirixe Teresa Pérez, ven de abrir o prazo de matrícula para a cuarta edición do curso de música e baile galego que se vai celebrar os vindeiros 27 e 28 de setembro.

 

Tralo éxito acadado polo curso os anos pasados, chega unha nova edición con un cadro de mestres da máis alta categoría dentro do panorama musical galego. Así, o curso vai contar con tres modalidades:

–        Gaita: Pablo Carpintero

–        Canto e pandeireta: María Vidal

–        Baile: Pedro Brañas

 

A matrícula está aberta dende o pasado luns e segundo informa a concelleira de cultura “está indo a moi bo ritmo, polo que lles recomendamos aos interesados que non o deixen quedar para o último día, pois as prazas son limitadas”.

 

O curso vai ter unha duración de 16 horas repartidas entre o sábado e o domingo, con horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, debendo o alumnado elexir unha única modalidade.

 

O curso vai dirixido a xente con unha base previa nas diferentes modalidades ofertadas, presentándose como unha ocasión única para perfeccionar coñecementos e técnicas. Os interesados deben formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico cultura@salcedadecaselas.es.

 

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, afronta esta nova edición con positivismo e con moitas ganas tralo éxito dos anos pasados. “Animo a todos e todas os que teñan dispoñibilidade a que asistan ao curso, pois é unha oportunidade única de recibir clases dos mellores”. Así mesmo, a Concelleira anima aos participantes a aproveitar a fin de semana para coñecer Salceda, os seus paseos, áreas recreativas, edificios públicos…