Inicio do obradoiro “Cultiva a mente” en Salceda de Caselas

O concello de Salceda de Caselas retoma a actividade desenvolvida polos obradoiros “Cultiva a mente” en colaboración con AFAGA, no centro terapéutico situado na antiga Escola da Vendanova.

Estes obradoiros realizaranse dende o día de hoxe ata o vindeiro mes de xuño e están dirixidos a persoas maiores de 55 anos. Un dos obxectivos fundamentais destes obradoiros é previr o deterioro cognitivo das persoas participantes a través de técnicas de memoria e aprendizaxe. Outro dos obxectivos importantes destes obradoiro é fomentar a socialización e o contacto entre as persoas participantes despois de dous longos anos de restricións pola pandemia.

Nesta edición acudirán dous grupos de catorce persoas aumentando desta forma a participación da cidadanía neste tipo de actividades.

Ángela Ledo concelleira de Benestar Social: “A concellería de Servizos Sociais e Benestar, co inicio deste obradoiro, continua apostando de forma decidida por accións destinadas a previr o envellecemento da poboación e mellorar a súa calidade de vida”.

Verónica Tourón: “Dende o concello temos adquirido un compromiso firme de atención ás persoas maiores de forma directa para mellorar tanto o seu benestar físico como mental a través de actividades lúdicas que melloren a súa vida diaria”.

 

                Gabinete de Prensa, 7 de febreiro de 2022