II Plan Municipal de Formación de 2016: a aposta de Salceda pola empregabilidade

O Concello de Salceda de Caselas vén de poñer en marcha o II Plan Municipal de Formación de 2016, logo dos bos resultados obtidos na súa primeira edición. A iniciativa, desenvolvida a través da Concellería de Formación e Emprego que xestiona Loli Castiñeira, permite a desempregados e desempregadas do municipio, obter coñecementos en materias de alta demanda no mercado de traballo, mellorando as posibilidades de empregabilidade dos e das participantes.

As persoas interesadas en participar en calquera das actividades formativas propostas, deberán presentarse no CDL ‘O Torrón’ o día indicado para cubrir a solicitude de participación e realizar a correspondente proba de selección.

Os cursos que se desenvolverán, por orde cronolóxica de inicio, serán o de Manipulador/a de carretillas elevadoras. A inscrición e a proba de selección desenvolverase o día 20 de setembro ás 10 horas. O curso, cunha duración de 20 horas, desenvolverá as súas actividades o luns 3 de outubro e o venres 7 de outubro entre as 09:30 h e as 13:30 h.

Obradoiro práctico de selección de persoal. Inscrición e proba de selección o 21 de setembro ás 10 horas. O curso, cunha duración de 8 horas, impartirase o luns 3, mércores 5 e venres 7 de outubro de 10 h a 13:30 h.

Preparación probas libres da ESO, con inscrición e proba de selección o 26 de setembro ás 10 h. Esta iniciativa desenvolverase os martes e xoves, de 10 h a 13 h do 11 de outubro ao 31 de maio de 2017.

Elaboración de pratos combinados e menú do día, coa inscrición e proba de selección prevista para o 5 de outubro ás 10 h. O curso, de 20 horas de duración, terá lugar entre o 19 de outubro e o 9 de novembro de 10 h a 13 h.

Faite ver, crea o teu videocurriculum e marca a diferenza. Inscrición e proba de selección o 6 de outubro ás 10 h. A actividade formativa terá unha duración de 6 horas e impartirase o luns 17, mércores 19 e venres 21 de outubro de 10 h a 13 h.

Elaboración de curriculum e búsqueda de emprego eficaz, con inscrición e proba de selección o 14 de outubro ás 10 h. O curso impartirase o 26 de outubro de 09:30 h a 13:30 h.

A maiores destas iniciativas de formación dirixidas a desempregados e desempregadas e que deberán estar dados de alta na Bolsa de Emprego Municipal con data anterior ao inicio da actividade, a Concellería de Formación e Emprego, pon en marcha unha actividade que, baixo o título Elaboración carta alérxenos, está dirixida a titulares de negocios de hostalería activos. Neste caso as prazas cubriranse por estrita orde de inscrición. O curso terá unha duración de 15 horas, impartíndose os luns, martes e xoves do 7 de novembro ao 28 de novembro en horario de 8 h a 9:30 h.

Con todas estas iniciativas, explica a concelleira de Formación e Emprego, Loli Castiñeira, o Concello de Salceda “utiliza unha das poucas competencias que as administracións locais teñen en materia de emprego, como é a formación, como ferramenta que mellore as posibilidades dos veciños e veciñas de atopar un emprego”.

A importancia da formación, salienta Castiñeira, “é incuestionable nun mercado laboral cada día máis competitivo e no que os e as demandantes de emprego, contan cada vez cunha maior cualificación”.

Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, insistía “na obriga das administracións públicas por utilizar todas as canles posibles que permitan mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas”, nese sentido, engadía o rexedor municipal “Salceda de Caselas da como sempre un paso adiante e ofrece á veciñanza iniciativas de formación, en materias de alta demanda no mercado laboral, que facilitarán a inserción dos participantes no mercado de traballo”.