II Mostra de Maios e concerto de Roberto Oliveira para celebrar as Letras Galegas

O Concello de Salceda de Caselas ven de presentar a programación para celebrar o Día das Letras Galegas, que se extenderá durante os días 17 e 18 de maio. O xoves 17, Día das Letras Galegas, os actos comezarán ás 11:00 horas na Praza do Concello coa apertura da II Mostra de Maios na que xa teñen confirmada a súa participación máis dunha ducia de asociacións, colexios e colectivos, polo que se prevé que a mostra siga collendo importancia nos vindeiros anos, a pesar de ir aínda pola súa segunda edición.

Ás 12:00 terá lugar o acto central da celebración coa lectura de diversos textos de Mª Victoria Moreno. A lectura está aberta a todas as persoas que queiran participar, polo que dende o Concello animan a todos e todas a achegarse para poñer o seu granciño de area nesta lectura continuada.

Xa pola tarde, a partires das 19:00 horas, os actos trasládanse ao Auditorio Municipal, onde poderemos disfrutar do concerto de Roberto Oliveira, salcedense recentemente galardonado co premio Martin Codax ao mellor artista de música contemporánea. Centrado no comisionado e interpretación de obras, específicamente para percusión, electrónica e arte visual sincronizado, Roberto contribúe ao desenrolo da literatura para percusión mediante unha activa colaboración con novos compositores nacionais e internacionais.

Xa o venres 18, na Casa da Cultura Castelao a partires das 19:00 horas, terá lugar a presentación do libro “Marc, o mono que naceu dun ovo”, proxecto iniciado por Chrysallis (Asociación de familias de menores transexuais) coa intención de achegar a comunidade educativa á realidade das crianzas transexuais. O acto rematará coa donación de libros á Biblioteca Municipal e cun obradoiro para nenos e nenas.

Teresa Pérez, Concelleira de Normalización Lingüística: “Estamos ante unha das festas máis importantes para a nosa lingua, e o Concello de Salceda presenta unha programación de peso para celebrala. As diferentes manifestacións culturais e sociais da nosa vila forman parte dun programa que busca chegar ás diferentes idades e sensibilidades, e no que nos gustaría contar coa participación de todos e todas”.

 

Salceda de Caselas, 15 de maio de 2018