I Mostra de Maios nas Letras Galegas

A Concellaría de Cultura do Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Xubilados e Pensionistas do municipio traballan man a man na organización dos actos do Día das Letras Galegas o vindeiro mércores 17 de maio. A Praza do Concello acollerá a I Mostra de Maios dende as 11:00 da mañá, amenizada polo Grupo de Gaitas Carballeira de Picoña. Seis asociación teñen xa confirmada a súa participación na mostra: Asociación de Xubilados e Pensionistas, Asociación Cultural Xunco, Asociación Cultural O Rubal, Asociación de Veciños San Xurxo, Asociación de Veciños de Parderrubias e Asociación Cultural O Serán. Ademáis tamén os centros escolares Escola Infantil A Galiña Azul e CEP Altamira aportarán o seu propio maio. A mostra está aberta á participación de todas as persoas que queiran unirse traendo os seus propios maios, polo que se espera que o día se converta nunha grande festa para a veciñanza.

Por outra banda, dende a Concellaría de Cultura convócase a xa tradicional lectura continuada de textos en torno á figura homenaxeada cada ano nas Letras Galegas. Así, o mércores a partires das 12:00 na entrada principal do Concello procederase á lectura de textos de Carlos Casares, na que poderán participar todas as persoas que o desexen. Dende o Concello agárdase tamén unha importante participación neste evento, que está aumentando ano tras ano.

Ademáis dos eventos do día 17, o Concello leva a cabo outras iniciativas dirixidas aos máis cativos. Así, o pasado 5 de maio, a compañía “Ubú Teatro” representou a obra “A Galiña Azul” no Auditorio Municipal para os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º do CEP Altamira. E para rematar o mes das letras, o vindeiro 23 de maio celebrarase unha nova actividade de contacontos e fomento da lectura na Casa da Cultura Castelao.

Tere Pérez, Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística: “Estamos ante un dos días máis importantes para a nosa lingua, que por desgraza segue a ter máis importancia que nunca. Dende Salceda seguiremos a fomentar o uso do galego os 365 días do ano, e non escatimaremos esforzos para conseguir a súa absoluta normalización”

 

Gabinete de prensa, 15 de maio de 2017