FIRME APOSTA POLA IGUALDADE E CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO EN SALCEDA DE CASELAS

A Concellaría de Igualdade que dirixe a tenente de alcaldesa, Loli Castiñeira, está a desenvolver numerosas iniciativas que se ven intensificadas estes días por mor da celebración do Día da eliminación da violencia de xénero o vindeiro 25 de novembro.

            Deste xeito, dende o Concello púxose en marcha o programa Diana, dotado con máis de 7.000 €, que permitiu levar a cabo actividades como a charla-simposio que Mª Xosé Queizán ofreceu por mor do día internacional contra a trata que se celebra o 29 de setembro, o concurso de curtas e o taller audiovisual que impartirá a directora Marta Piñeiro no IES Pedras Rubias no mes de decembro ou o concurso de fotografía con temática da violencia de xénero organizado para conmemorar o 25 de novembro.

            Salceda participa tamén nas actividades que leva a cabo o GDR Condado Paradanta, como a andaina solidaria “O rural contra a violencia de xénero” que se celebrou o pasado 13 de novembro, ou a charla “As mulleres nos medios de comunicación” impartida pola xornalista de Si Radio Eva Míguez no CEP Altamira o pasado 22 de novembro.

Por outra banda, a alcaldesa Verónica Tourón e Loli Castiñeira, acudiron tamén ao acto de Violencia Zero organizado pola Deputación de Pontevedra o pasado 19 de novembro.

Para conmemorar o 25 de novembro, dende a Concellaría de Igualdade preparáronse diferentes iniciativas como son a colocación de pancartas e cartelería, a participación un ano máis na campaña “En Negro contra a violencia de xénero”, a iluminación da fachada do Concello de cor morada durante toda a semana, a difusión dun vídeo sobre a igualdade nas redes sociais do Concello ou a emisión todos os días ás 21.00 de cancións cun especial simbolismo de loita contra a violencia. “Matriarcas”, de Guadi Galego; “Tempestades de Sal” de Sés e “Mártires” de Xoana son as cancións escollidas que soarán polo fío musical. Todos estes actos completaranse coa concentración que se celebrará na Praza do Concello o propio 25 de novembro ás 17 horas na que se lerá un manifesto.

Loli Castiñeira, Concelleira de Igualdade: “As administracións públicas temos que seguir a facer un esforzo importante por visibilizar un grave problema como é o da violencia de xénero, no que as mulleres seguen a ser castigadas polo simple feito de ser muller. A sociedade está cada día máis concienciada coa situación, e o obxectivo ten que ser sen dúbida algunha a tolerancia cero ante este tipo de agresións. Por nós non vai quedar”.

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda de Caselas: “A igualdade é transversal e debe ser unha bandeira de vida, desde as administracións temos a obriga de darlle a máxima visibilización e defender cada día os dereitos das mulleres que están a sufrir ataques constantes. Debemos ser exemplo para as futuras xeracións”

Gabinete de prensa, 24 de novembro de 2021.