Festival benéfico a favor do Programa de Alimentos

A Concellaría de Cultura e Benestar Social do Concello de Salceda de Caselas, dirixida por Tere Pérez, ultima os detalles dos preparativos do festival solidario que se vai celebrar o vindeiro domingo 13 de decembro no Pavillón de Deportes Municipal e que espera recoller centos de quilos de alimentos non perecedeiros para incorporar ao Programa de Alimentos Municipal.

No acto participarán de xeito totalmente desinteresado diversas asociacións de Salceda, que se prestaron dende o primeiro momento para botar unha man neste evento solidario que prevé superar records de recadación de alimentos. Así, os asistentes poderán disfrutar de actuacións de baile galego, zumba, baile moderno, playbacks, batucada… con participantes de tódalas idades chegados de varios centros culturais, así como da Asociación de Amigos da Música ou das ANPAS do CRA Raíña Aragonta e do CEP Altamira.

Para levar a cabo o festival resulta fundamental a colaboración do Voluntariado Municipal, que se encargará da recollida e clasificación dos alimentos aportados polo público asistente a modo de entrada no evento.

Ademáis, na mesma entrada do Pavillón, habilitarase tamén un punto de recollida de xoguetes, que serán entregados ás familias con menos recursos de Salceda. O Concello márcase como obxectivo que ningún neno nin nena se quede sen agasallo neste Nadal.

Carla Pérez, Concelleira de Voluntariado: “temos a inmensa sorte de contar con un equipo de voluntariado comprometido coas causas sociais, e facendo unha impagable tarefa tanto no Programa de Alimentos como no Roupeiro Municipal. Este evento non sería posible sen eles.”

Tere Pérez, Concelleira de Benestar Social: “Salceda ten demostrado dende fai tempo a súa enorme solidariedade e estamos seguros de que neste caso non vai ser menos. Agradecer a boa disposición amosada polas asociación para levar adiante este evento dun xeito totalmente desinteresado. O domingo temos que superar tódalas previsións”.