Máis de vinte persoas participaron, entre os días 13 e 17 de xuño, no obradoiro de Dinamización do Cooperativismo para os sectores agroecolóxico e servizos sociais, que se desenvolveu no CDL do Torrón, dependente da Concellería de Formación e Emprego que dirixe Loli Castiñeira.
O obradoiro, organizado pola Federación de Cooperativas ‘Sinerxia’, e de carácter totalmente gratuíto, estaba dirixido fundamentalmente ás persoas interesadas nos sectores agroecolóxicos e servizos sociais ou colectivos relacionados cos mesmos.
Ao longo dos cinco días que durou a actividade, tratáronse temas que, segundo Loli Castiñeira, “permitiron que os e as participantes puideran facerse unha idea da importancia do cooperativismo á hora de buscar unha saída no mercado laboral”.
Nese sentido, o programa desenvolvido explicaba, dentro do apartado de economía social, as claves do cooperativismo como alternativa de autoemprego nos sectores a dinamizar. Ademais, facíase un exhaustivo análise dos sectores agroecolóxico e de servizos sociais e as súas potencialidades na comarca, como posibles motores de xeración de emprego.
Dado o título do obradoiro, adicábase unha ampla parte do mesmo a explicar, polo miúdo, tanto os principios e valores cooperativos, como tentar dar resposta á máis importante pregunta que se pode facer neste eido: Cómo e por qué cooperar?
Así mesmo explicábaselle aos e ás participantes o tipo de cooperativas existentes e dábaselles as claves sobre o tipo de cooperativas que se poden poñer en marcha tanto no sector agroecolóxico como de servizos sociais.
Este obradoiro, segundo explicaba Loli Castiñeira, non é unha actividade illada, senón que “forma parte do conxunto de iniciativas que se poñen en marcha dende a Concellería de Formación e Emprego, de cara a ofrecer o maior número posible de alternativas aos veciños e veciñas para a procura de emprego”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, sinalou que “a pesar da limitación que teñen as entidades locais en materia de Emprego, o Concello de Salceda busca poñer en mans da veciñanza, aquelas ferramentas que poidan mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado de traballo”. A organización de actividades como esta “que abren novas posibilidades de emprego, ás veces descoñecidas, como é o cooperativismo, é un xeito de mellorar a empregabilidade dos nosos veciños e veciñas”.