XEOLOXÍA
Dende o punto de vista xeolóxico, Salceda de Caselas sitúase na súa totalidade dentro da zona paleoxeográfica da Galicia Occidental (Matte, Ph. 1968). A grandes trazos, a zona está ocupada por rochas ígneas, na súa maioría orixinadas durante os diferentes episodios da Oroxenia Hercínica (levantamento que tivo lugar hai uns 300 millóns de anos produto da colisión entre as masas continentais de Euramérica e Gondwana) e outras de idade anterior ás primeiras manifestacións desta.
En Salceda de Caselas a disposición xeolóxica final ofrécenos diversas formacións, mais é certo que como se mencionou anteriormente, na súa meirande parte predominan as rochas ígneas, con protagonismo do granito. Tamén destacan as áreas de clara influencia fluvial nas concas do río Caselas, Landres, Becerreira ou Louro, que debuxan unidades constituídas por materiais metasedimentarios, depósitos recentes ou terrazas.
ROCHAS ÍGNEAS.
Granodioritas ou “granitos do Porriño”.
Os emprazamentos que se detallan no presente Catálogo de Espazos Naturais de Salceda, aséntanse na súa meirande parte sobre o Plutón Granodiorítico de O Porriño (a excepción daqueles situados no extremo inferior occidental e nas concas dos principais ríos). É dicir, a gran maioría dos espazos descansan sobre unha gran intrusión de granitos hercinianos de afinidade calcoalcalina, que en elevadas ocasións afloran á superficie e que o Instituto xeolóxico denomina “facies Granodi orita Biotítico-Anfibólico”, vulgarmente coñecido como “Granitos de O Porriño”. Trátase dunha rocha clara e lixeiramente rosada (cando menos localmente), de grao medio a groso e con textura porfídica (cristais grandes incrustados nunha “pasta” de cristais máis pequenos). Estes cristais grandes ou fenocristais son de feldespato (feldespato potásico e plaxioclasa).
Na cartografía xeolóxica pode apreciarse que o denominado “Plutón granodiorítico” ou intrusión granítica é un macizo de contornos redondeados que presenta como límite polo Oeste os sedimentos continentais da planicie de Porriño-Tui.
Coas circunstancias que predominan nestes montes, os solos manifestan pouca evolución. Os incendios, a erosión e as migracións de auga subterránea nas ladeiras, non favorecen a formación de perfís fluviais. Algúns dos espazos representativos situados neste tipo de granitos son As Conforcadas en San Xurxo, O Espicho do Faro e a Ascensión (Entenza), O Curucho e San Cibrán (Picoña), Coto da Cruz (Santa María), entre outros.
Granito Inequigranular Rosado.
Situada na marxe occidental do plutón, configura unha banda de 2 a 3 kms de ancho, ou incluso en afloramentos illados, atópase a facies de “Granito Inequigranular Rosado” de grano groso, na que localizamos tamén algún dos espazos deste catálogo como son as Penizas en San Xurxo ou a área do Penedo Redondo, en Parderrubias. Este Granito presenta un incremento de Potasio respecto da facies común anteriormente descrita.
Granitos Alcalinos de dúas micas ou leucogranodioritas.
Continuando no grupo dos solos asentados sobre formacións graníticas do período herciniano, atopamos en Salceda de Caselas outra das grandes series descritas por CAPDEVILA, R. (1996); os Granitos Alcalinos de dúas micas (Leucogranodioritas). Esta serie atopámola no extremo occidental inferior do Concello, xa que envolve a vertente suroeste dos paragneises que describiremos ao falarmos das rochas metamórficas que conforman unha parte importante das parroquias de Soutelo e Budiño.
Algunha das áreas asentadas sobre este tipo de granitos alcalinos son As Penizas de Soutelo ou o entorno da Área Recreativa do Regueiro en Rubindo (Santo Estevo de Budiño).
ROCHAS METAMÓRFICAS: PARAGNEISES.
Outro tipo de solo que podemos atopar confórmano os Paragneises, a única das rochas de orixe metamórfica que podemos atopar en Salceda de Caselas. A composición destas rochas evidencia indicios que nos permiten relacionar estes paragneises cos sedimentos presentes no Rosal e Norte de Portugal.
DEPÓSITOS SEDIMENTARIOS
DEPÓSITOS ALUVIO-COLUVIAIS.
Se ben mencionabamos que a maioría dos emprazamentos descritos se asentan sobre o plutón granodiorítico do Porriño, tamén debemos destacar a abundancia das zonas de influencia fluvial con depósitos aluvio-coluviais do cuaternario, como poden ser as depresións do río Caselas, Landres, Louro (con influencia no extremo oeste de Salceda), e demais ribeiras de ríos e regatos encadrados dentro da nosa xeografía.
O río Caselas acolle varios destes espazos como son a área recreativa do Rubal, As Covas, o espazo natural e etnográfico de Cabreira (na fronteira con Salvaterra de Miño), a Senda de Agüín, Senda de Arantei, espazo que se enlaza coa senda de Agüín, senda do río Caselas e, se tomamos en consideración o regato Ameixoa como afluente, podemos engadir a carballeira de Xabarís ou incluso a Poza dos Agoeiros. Estes espazos, ao igual que acontece con aqueles sitos nas inmediacións do río Landres ao longo de todo o seu percorrido, compoñen unidades litoestratigráficas de depósitos recentes que repousan discordantemente sobre materiais metasedimentarios e/ou sobre rochas graníticas. Estamos pois, ante depósitos aluvio-coluviais do Cuaternario, é dicir, depósitos sedimentarios depositados polos ríos hai aproximadamente 2,6 millóns de anos.
Asociados a outros ríos como o Becerreira, o regato de Fonte Ferreira ou o do Rial, os dous últimos na metade occidental inferior de Salceda, atopamos depósitos propiamente aluviais constituídos por un conxunto de solos de alteración e posibles depósitos mariños (limos de inundación de ríos e rías). Estes depósitos aluv iais preséntanse en conxuntos formados por gravas e areas máis ou menos limosas. Estes materiais proceden na súa maior parte da alteración e degradación de materiais graníticos. Sobre estas formacións aséntanse espazos naturais de singular importancia como parte da ZEC dos Humidais das Gándaras de Budiño (na súa demarcación en territorio salcedense), espazo integrado na REDE NATURA 2000; ou a zona dos muíños do regato de Fonte Ferreira (muíño de Barrocas, muíño do Capitán, regato de Liñares, etc.).
Dispersos en pequenas manchas obsérvanse depósitos coluviais. A súa formación foi propiciada pola alteración e desintegración in situ das rochas sitas nas ladeiras superiores adxacentes coa colaboración inestimable da gravidade. Aparecen de forma illada no suroeste da localidade e conforman pequenas zonas de deposición coluvial constituídas por materiais de diverso tamaño englobados nunha matriz areosa. Sobre estes depósitos atopamos espazos como a contorna do muíño do Pantel.
Se anteriormente mencionábamos a ZEC das Gándaras de Budiño por estar asentada sobre depósitos aluviais, hai que sinalar que a gran maioría da ZEC, aséntase sobre depósitos recentes en forma de terrazas fosilizando un paleorrelevo irregular do substrato ígneo e metamórfico da rexión. En Salceda de Caselas a terraza sitúase por riba dos 30 metros.