O equipo de traballo de Denis Suárez presentoulle esta semana ao equipo de goberno do Concello de Salceda o proxecto de comunidade educativa da Escola de Fútbol Denis Suárez recentemente creada no municipio e que botará a andar nesta tempada 2018/2019. Preséntase un proxecto cunha metodoloxía específica para a escola de fútbol de Denis Suárez, escola que contará con un elemento diferenciador que é a comunidade educativa, no que se pretende un desenvolvemento integral dos nenos e nenas, co obxectivo xeral de conseguir a mellora e desenvolvemento das habilidades dos cativos e cativas para estimular as súas potencialidades nas diferentes áreas: área familiar, área social, área formativa, área de saúde, área cognitivo-conductual e área emocional. O proxecto pretende seguir sumando na aposta polo traballo cos nenos e nenas de Salceda usando a propia escola e o deporte como ferramenta de traballo, acadando unha mellora na confianza en sí mesmos/as e na autonomía persoal dos e das menores.
Para elo pártese dunha metodoloxía biopsicosocial basada en tres aspectos importantes: unha parte biolóxica que fai referencia ó funcionamento do corpo, unha parte psicolóxica na que se pretende traballar o pensamento, emoción e comportamento e finalmente a parte social, onde se atenden os factores sociais e culturais da sociedade salcedense.
Todo este traballo levarase a cabo a través da creación dunha escola de pais e nais, entrevistas individuais, sesións de coaching, talleres grupais e seminarios, tendo en conta a importancia do traballo en rede cos/coas distintos/as profesionais que forman parte do día a día dos nenos e nenas.
O Alcalde e o resto do equipo de goberno trasladaron o seu agradecemento a Denis Suárez e ao seu equipo de traballo, conscientes de que estamos a falar dunha oportunidade de ouro para os nenos e nenas de Salceda, que chega da man dun salcedense comprometido cos seus veciños e veciñas, e preocupado polo desenrolo integral dos cativos e cativas, e que en máis dunha ocasión ten manifestado o seu interese por ofrecerlles todo o que estea na súa man.
Gabinete de prensa, 26 de xullo de 2018