O Concello de Salceda de Caselas aposta por manter vivo o espírito do seu histórico Entroido celebrando diversos actos e actividades de xeito virtual.
Entre as actividades previstas estará o I Concurso de Disfraces de Entroido co que dende a Concellería de Cultura animan á veciñanza a disfrazarse nas súas casas e non perder o espírito do entroido. Para participar será necesario que as persoas interesadas envíen unha fotografía por enderezo electrónico a cultura@salcedadecaselas.gal ou por Whatsapp ao número 675232832.
Estableceranse tres categorías para os premios, individual, convivintes e votación popular, que contarán como premio un vale de compra de 100€ para consumir nos establecementos do comercio local adheridos a ACISA (Asociación de comerciantes e industriais de Salceda). O xurado estará composto por representantes dos entroidos históricos da Feira e do Barreiro e polo técnico municipal de mocidade.
A programación completarase con varias actividades virtuais, como diferentes obradoiros dirixidos á poboación infantil que se farán públicos nos vindeiros días, ademais de mostras de fotografías e vídeos dos entroidos de edicións pasadas.
Mantendo a tradición, a representante de Castro Barreiro e o representante de A Feira, non quixeron descubrir nada dos seus barrios, que de seguro agocharán algunha sorpresa. Cabe lembrar que o enfrontamento entre estes barrios remóntase cando menos ao ano 1888 en que consta a primeira proba documental, e nin sequera os anos de ditadura conseguiron parar esta festa de tal arraigo en Salceda.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Este é un ano difícil no que toca parar. Aproveitaremos o momento para avanzar no proxecto para que o noso entroido sexa declarado festa de interese turístico de Galicia. Agora o primordial é a saúde, demasiada xente se quedou polo camiño, o Entroido e as festas xa voltarán, e farano con máis forza aínda”.
Gabinete de prensa, 8 de febreiro de 2021.