A Concellaría de Cultura e Festas do Concello de Salceda de Caselas, dirixida por Tere Pérez, vai poñer en marcha un ano máis a programación de verán que desembocará nas Festas do Cristo, e que a Concelleira presentou esta mañá acompañada do Alcalde, Marcos Besada. Nun ano extremadamente complexo polas dificultades económicas, a Concelleira amósase moi agradecida coas diferentes asociacións do municipio que ano tras ano se ofrecen a subirse ao escenario para amosar os traballos realizados nos diferentes locais culturais das parroquias, e que permiten que se siga mantendo unha programación diaria que se extende ao longo de máis de tres semanas. Salceda encherase así un ano máis de música, baile, cine, teatro e, sobre todo, moita festa e diversión para tódalas idades e para tódolos públicos.
O Verán Cultural arrinca este venres 1 de xullo e o pistoletazo de partida corre a cargo da Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (ACISA), que por segundo ano organizan a Feira Medieval (1,2 e 3 de xullo). Así mesmo, na mesma fin de semana celebrarase a IV edición do Roteiro dos Pazos, que fai un percorrido polos principais pazos de Salceda con representacións de danza e teatro en diferentes espazos.
No ciclo hai citas que non poden faltar, como o certame de bandas de música que este ano celebra as súas Vodas de Prata, o festival folclórico ou o día da infancia, que ano a ano acollen a numeroso público tanto de Salceda como dos arredores. Destacan este ano as actividades dirixidas ao público familiar, tendo en conta que estamos a falar dun dos Concellos con maior taxa de natalidade de Galiza. Outra das premisas é a variedade de espazos nos que se van desenvolver os actos: O Parque Raíña Aragonta, o Parque da Gándara, o Auditorio Municipal e, por suposto, a Praza do Concello. Cun orzamento aproximado de 40.000 € a programación extenderase dende o venres 1 ata o luns 18 de xullo en que rematan as Festas do Cristo.
Por outra banda a Concelleira destacou os actos que serven para homenaxear a diferentes persoas e colectivos de Salceda, como o estourazo ou o Acto Cívico dos Salcedenses Distinguidos, que se celebran o sábado e domingo das Festas do Cristo.
Tere Pérez, Concelleira de Cultura, lamentou a falta de apoio da Xunta de Galiza ás actividades culturais realizadas dende os Concellos, nun momento máis delicado que nunca: “non queremos que a xente se quede sen festas, problemas xa hai abondo como para non poder ter uns días de diversión. Dende a Concellaría de Cultura téntase ofrecer un programa variado e para tódolos públicos, convidando a tódolos salcedenses a participar dos actos e a pasar uns bos días entre amigos e familiares”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, aproveitou para convidar a salcedenses e foráneos a coñecer os espazos naturais de Salceda, nomeadamente as sendas polo Río Caselas que tan boa acollida están a ter por todos e todas.