A Concellaría de Cultura de Salceda, dirixida por Teresa Pérez, organiza unha fin de semana adicada ás artes escénicas para conmemorar o Día Mundial do Teatro, que se celebra o venres 27 de marzo. Así, ese mesmo día estará adicado aos máis pequenos, que poderán disfrutar dun espectáculo teatral na Casa da Cultura Castelao ás 18:00. María Salgueiro e Sé Rial, compoñentes da compañía Nanoteatro, escenificarán dous contos, “Ajdar”, de Marjane Satrapi, autora da famosa novela gráfica Persépolis, e o máis tradicional “Papamedos”. Para asistir a esta representación é preciso reservar praza na mesma Casa da Cultura, xa que o aforo é limitado.
O domingo será o turno dos adultos, que poderán disfrutar da obra “Eran outros tempos, ou non?” da compañía Disfunción Contínua Teatro. Neste caso a representación levarase a cabo no Auditorio Municipal ás 20:00, e as entradas poden adquirirse xa na Casa da Cultura Castelao.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “En Salceda existe unha grande afición polo teatro, que se manifesta nos diferentes grupos existentes nas asociación cultural, así como na Asociación Cultural Caselas, que alberga o grupo Osiris. Esta fin de semana é unha boa oportunidade para todos eles e para o público en xeral, de disfrutar de duas propostas ben diferentes para celebrar o Día Mundial do Teatro”
Gabinete de Prensa, 23 de marzo de 2015