CorreXSalceda, nova edición da carreira popular de Salceda

O vindeiro sábado 30 de abril Salceda de Caselas acollerá unha nova edición da carreira popular que cada ano percorre o municipio. Organizada pola Concellaría de Deportes que dirixe Carla Pérez, en colaboración coas Escolas Deportivas Municipais, este ano o evento presenta grandes novidades dentro da programación prevista.

Entre estas novidades está a nova denominación da carreira, que pasa a chamarse “correXsalceda”, en recoñecemento ao novo percorrido establecido, que servirá para que os participantes poidan coñecer os espazos naturais de Salceda, así como os diferentes tramos de sendas polos Ríos Caselas e Landres.

Para a categoría absoluta, con saída ás 19:15, o percorrido consta de 12 km de lonxitude. Os nacidos entre 2001 e 2003 terán un circuito de 2.500 metros, 1.000 metros para os nacidos entre 2.004 e 2.006, 500 metros para os nacidos entre 2.005 e 2.009 e 150 metros para a categoría “Pitufos”, que engloba aos nenos e nenas nacidos entre 2.010 e 2.014. Todas as categorías realizarán a súa saída dende a Praza do Concello en horarios repartidos a partires das 17:30 da tarde.

A carreira estará conducida polo speaker Freddi, encargado da realización de numerosos eventos de carreiras polo noso territorio e que será o encargado de amenizar a proba.

Atletas chegados dende toda a xeografía galega teñen confirmado xa a súa presenza nesta proba. Para poder inscribirse pódese facer a través do seguinte enlace http://www.edmsalceda.es/correxsalceda, ou a través das escolas deportivas no pavillón polideportivo en horario de 9:30 a 13:30 e pola tarde de 17:30 a 19:30.

Os participantes recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa da proba, así como a opción de conseguir os trofeos que se entregarán aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías.

Un grande equipo de persoas voluntarias garantirán o correcto desenrolo da proba, encargándose da loxística, control de cruces, avituallamento, entrega de dorsais, etc. O Concello conta tamén coa colaboración de diversos clubes da localidade (Club Balonmán Caselas, Club Ciclista Aragonta, Club Baloncesto Caselas e Caselas Futbol Club), así como coa axuda das Escolas Deportivas Municipais, aos que principalmente hai que agradecer a súa gran labor.

Carla Pérez Concelleira de Deportes, “agardamos que centos de deportistas acudan ao evento para disfrutar e coñecer do noso entorno a través dunha actividade tan saudable como é o deporte e o exercicio, é fundamental fomentar o deporte entre tódolos participantes, para que acudan á proba e disfruten do atletismo”, “o deporte é o eixo que move a nosa xuventude para involucralos en hábitos saudables”.  Quero agradecer especialmente a colaboración de Luis Manuel Rodríguez Cabaleiro, que ten unha gran aportación na loxística do evento, sendo unha figura clave para o mesmo.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda de Caselas, “Salceda acollerá unha vez máis a deportistas chegados dende todo o País. Os nosos espazos naturais serán o mellor escenario nesta proba que, ademáis de medir as forzas dos/das participantes, servirá tamén para seguir a dar a coñecer o noso Concello e, sobre todo, a enorme hospitalidade da nosa xente”.