QUE É UN HOTEL DE INSECTOS?
Aínda que os empregan moitos insectos como refuxio (por exemplo xoaniñas ou crisopas), os principais ocupantes dos hoteis de insectos son as abellas e avespas solitarias, que os utilizan para construír os favos onde se desenvolverá a súa descendencia. Na natureza, estes himenópteros solitarios buscan todo tipo de buratos e galerías excavadas normalmente en madeira morta por unha gran variedade de xilófagos, sobre todo larvas de escaravellos. Cando eliminamos a meirande parte desa madeira morta da contorna xeramos un grave impacto en todas estas especies que dependen dela, non unicamente os centos de especies que a descompoñen, tamén agredimos aos que se alimentan destas últimas, é dicir, moitas especies insectívoras entre as que se atopan vertebrados como aves, réptiles ou micromamíferos. As abellas e avespas solitarias tamén saen prexudicadas co noso concepto de suciedade na natureza, existindo bosques enteiros nos que custa realmente atopar unha árbore morta.
Nas cidades e hortas o problema agrávase porque resulta aínda máis complicado atopar esas pequenas galerías tan buscadas por tantas especies de abellas e avespas solitarias. Os hoteis de insectos son unha forma de compensar a carencia de ocos naturais aportándoos de forma artificial.
POR QUÉ AXUDAR ÁS ABELLAS E AVESPAS SOLITARIAS?
As abellas solitarias son polinizadoras, vitais para que a maioría dos nosos cultivos dean froitos (as verduras que comemos ou o millo que alimenta o noso gando son un exemplo) sen elas, a humanidade colapsaría sen máis. Non só existe a abella melífera, se non que hai máis de 25.000 especies diferentes de abellas. A Apis Melífera é unha delas, do resto a meirande parte son abellas solitarias.
Aínda que en menor medida que outros insectos, as avespas solitarias tamén polinizan xa que os adultos liban en flores en busca dos enerxéticos hidratos de carbono que ofrece o néctar. Ao contrario que as abellas, as avespas non necesitan acumular polen ou néctar para a súa descendencia porque as súas larvas son carnívoras, e isto convérteas en valiosísimas cazadoras de pragas que atraparán eirugas, gurgullos ou ata grilos e saltóns dependendo da especie. Que máis se pode pedir nunha horta, parque ou xardín?
En resumo, as abellas e avespas son fauna auxiliar, é dicir, organismos que nos benefician debido ao control biolóxico de pragas que exercen, a que polinizan cultivos e ecosistemas ou a que manteñen a saúde e a fertilidade do chan.
SON PERIGOSAS AS ABELLAS E AVISPAS SOLITARIAS?
Non. As abellas e avespas solitarias non se poden permitir o luxo de ser agresivas como as obreiras das colmeas ou avespeiros (sociais). Isto débese a que mentres as abellas e avespas sociais contan cunha femia fértil ben protexida e moitas obreiras sustituibles (femias estériles cuxa función é traballar e defender o niño), as solitarias son independentes e cada femia debe coidar da súa prole, sendo pouco intelixente xogarse a vida cando tes tantas bocas que alimentar.