A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, visitou as obras do primeiro velatorio da localidade, que constrúe en Parderrubias a empresa Velasal 22, unha vez que acadou todos os permisos necesarios.
A iniciativa desta empresa privada dotará á localidade de dúas salas de velacións e todos os servizos necesarios para a velación e o enterro. Ata o de agora as familias de Salceda víanse obrigadas a desprazarse a Salvaterra, Tui, Porriño ou Ponteareas ante a falta dunha instalación deste tipo no municipio. A alcaldesa asegurou durante a visita ao solar onde comezaron as obras, que o servizo de velatorio é moi demandado pola veciñanza do termo municipal e facíase necesario. “Debo felicitar a esta empresa pola súa iniciativa de poñer ao dispor das veciñas e veciños un servizo que demandan dende hai tempo, ofrecendo unhas instalacións amplas, cómodas e innovadoras”, engade.
O proxecto parte de José Antonio Lemos Martínez e Maximino Ledo Pérez, que constituíron a sociedade Velasal 22 no ano 2022. A edificación, de planta baixa, ofrecerá diversas instalacións destinadas a brindar un servizo integral á poboación local de Salceda e comarca. Contará con dúas salas de velacións amplas, un hall común, unha oficina, dous baños, un almacén, un garaxe e unha zona exterior con xardín na que se habilitarán 60 prazas de aparcamento.
Os promotores consideran que o servizo está deseñado para proporcionar un espazo adecuado e cómodo para a poboación de Salceda e os seus arredores, facilitando a realización de cerimonias e reunións familiares en momentos tan delicados.
A empresa considerou adecuado para construír este velatorio a parroquia de Parderrubias, máis concretamente o barrio de Maceira, pola súa localización céntrica, dotando ao edificio de características innovadoras dende o inicio. O proxecto contou desde o primeiro momento coa colaboración do goberno municipal. Ademais, e segundo os promotores, o velatorio non terá exclusividade con ningunha aseguradora ou funeraria posibilitando que calquera familia de Salceda que desexe que os seus familiares sexan velados dentro do termo municipal, poida facelo.
Gabinete de prensa, 27 de xullo de 2024