Esta semana veñen de dar comezo as obras da nova rotonda que ordenará o tráfico na intersección entre a Rúa Vigo e a Avenida de Galicia, no coñecido como o Cruce de Correos. O proxecto conta con un orzamento de 70.693,34 €, financiado pola Deputación de Pontevedra dentro do PUSIM 2013. Coa construción da rotonda darase solución ao tráfico nunha das zonas máis conflictivas que ten actualmente o casco urbano de Salceda, na intersección entre a Rúa Vigo, a Avenida de Galicia e a entrada para o barrio da Pedra. O proxecto foi redactado por PETTRA e está a ser executado por COVSA.
Esta mañá leváronse a cabo as probas de xiro, para o cal se contou coa colaboración dunha empresa de autobuses que mandou o seu vehículo máis longo para facer estas comprobacións. Nas probas estiveron presentes Marcos Besada, Alcalde de Salceda, Jose Luis González e Fortunato Álvarez, Concelleiros de Tráfico e Vías e Obras respectivamente, responsables da empresa constructora e Policía Local.
O proxecto inclúe a mellora e ampliación das beirarrúas da zona, seguindo a liña do que se está a facer noutras zonas da vila. Con esta actuación proséguese na mellora do tráfico no casco urbano de Salceda. Queda pendente a construción de outra rotonda na intersección da Avenida de Galicia coa estrada de Entenza, propiedade da Deputación de Pontevedra, para o cal xa se está en negociacións co ente provincial.
Jose Luis González, Concelleiro de Tráfico: “seguimos a ordenar o tráfico nun casco urbano castigado pola construción descontrolada e as rúas estreitas. Este é un paso importante no noso obxectivo de conseguir un núcleo sen atrancos nin restriccións”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “seguimos a construír unha vila que facilite o transito ao tráfico rodado, pero sobre todo que se faga amable para a circulación de peóns, poñendo sempre especial fincapé na eliminación de barreiras arquitectónicas e a facilidade de paso para as persoas con movilidade reducida”.