Colaboración e cooperación entre os Concellos para unha estratexia común no horizonte 2030

Este pasado martes no Castelo de Vilasobroso, hoxe recurso turístico para a comarca, tempo pasado fito onde se desenvolveron tramas e batallas que marcaron o devir e a historia do noso territorio, os alcaldes e alcaldesas de Arbo, As Neves, Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño foron convocados, polo GDR Condado Paradanta, a unha reunión de traballo.

 

A finais do ano 2017, máis alá da súa competencia inicial que é a xestión de Fondos Europeos a través do Programa LEADER, desde o GDR, creouse un foro supramunicipal, onde participan os alcaldes e alcaldesas, para tratar asuntos de interese común aos dez concellos que constitúen o seu territorio.

 

De tal xeito varios son os temas sobre os que se ven traballado, algúns deles xa se converteron en proxectos e/ou iniciativas. A posta en marcha do Xeodestino Turístico Terras do Condado Paradanta foi a primeira delas. Con este proxecto pretendese sumar esforzos para darlle visibilidade, de maneira conxunta, aos dez concellos e as empresas do sector turístico, así como ofrecer ao visitante e turista un paquete completo que lle permita prolongar a súa estancia na zona durante os días que desexe porque a oferta patrimonial, histórica e natural é ampla e rica. Un plan de transporte público comarcal tamén foi resultado do traballo desenvolvido neste foro, así como a xestión do Destino Sicted, un selo de calidade para as empresas do sector turístico e para o destino.

 

Por outra banda varios son os proxectos, relacionados con outros sectores produtivos e sociais, sobre os que se ven dialogando e traballando e que están agardando pola

oportunidade para ser postos en marcha en beneficio tanto dos veciños e veciñas como das empresas do Condado Paradanta e Salceda de Caselas.

 

Coa aparición da pandemia da COVID nas nosas vidas, xunto coa necesidade de que os alcaldes e alcaldesas centraran todos os seus esforzos en asuntos municipais, as mesas de traballo víronse interrompidas. Coa reunión desenvolvida no Castelo de Vilasobroso perséguese darlle continuidade a este foro na busca dun diálogo permanente e constante, máis alá das diferenzas de cor política.

 

A modo de conclusión da xornada de traballo, os rexedores e rexedoras, entenden o momento que estamos a vivir como histórico e están convencidos en traballar conxuntamente para definir o futuro da comarca, marcando novos obxectivos e deseñando liñas estratéxicas de futuro. Fibra óptica, camiños seguros, mobilidade persoal, transporte no rural, etc., serán temas a estudar. En definitiva, apostar por dotar á comarca dunha estratexia común no horizonte 2030.