As dúas alcaldesas e o alcalde acompañados das respectivas Concelleiras de Igualdade, mantiveron unha reunión de coordinación no arranque da segunda edición do Programa Xuntas, dirixido ás mulleres de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e As Neves en materia de formación, información, prevención e orientación e asesoramento xurídico, laboral e psicolóxico individualizado.
O Programa Xuntas, que obtivo a mellor puntuación de todos os proxectos presentados na provincia de Pontevedra e a segunda mellor de Galicia, xestiónase mediante o sistema de xestión compartida e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a Xunta de Galicia.
Así, actívase un ano mais o Servizo Integral e Especializado de Asesoramento Xurídico, Psicolóxico e Laboral. Gratuíto, presencial e á demanda, aínda que se establecerán unhas horas fixas todos os mércores pola mañá, o Servizo tamén elaborará os itinerarios personalizados de inserción. Ademais, haberá un Punto de Información de Hábitos Saudables para as Mulleres e asesoramento para unha Despensa Saudable.
Haberá unha fase de intervención en saúde e benestar na que se impartirán obradoiros nos 3 concellos para mellorar a saúde e o benestar de todas as mulleres e promover a igualdade de xénero, especialmente no eido social e da saúde con 5 obradoiros: “Exercicio terapéutico e saúde”, “O equilibrio a través da alimentación”, “Autoestima e benestar das mulleres” , “A saúde sexual e reprodutiva das mulleres” e “Taller de saúde mental dende a perspectiva de xénero”.
Noutra fase, desenvolverase a Escola de Empoderamento, para impulsar a formación das participantes nun espazo de reflexión e debate sobre as aportacións das mulleres á sociedade, analizando as causas que sustentan as desigualdades e plantexando novas miradas. Os obradoiros serán: “Por que foron somos, por que somos, serán”, “Mulleres Rurais, corazón do sistema: máis dereitos, mais participación, máis recursos para todas”, “Conversatorio sobre a violencia de xénero: claves para a análise construíndo respostas colectivas”, “O empoderamento dixital dende unha perspectiva de xénero”, “Convivencia e aprendizaxe transxeneracional das mulleres” e “As artes no camiño do empoderamento das mulleres”
Finalmente, o Programa Xuntas complétase con formacións para o traballo a través de obradoiros como: “Explorando novos xacementos de emprego”, “Obradoiro de capacitación para o acceso ao emprego, procesos de selección, habilidades de comunicación e construción definitiva do perfil e o CV.” e o “Obradoiro de Autoemprego e emprendemento das mulleres” así como visitas a empresas.
O Programa, que conta cunha contía de 17.941,88 euros, prevé unha participación mínima de 75 mulleres. Ademáis de toda a información que se ofrecerá nas dependencias municipais, nas RRSS e en cartaces do Programa, está habilitado o teléfono e WhatsApp 685211882.
Os tres Concellos quixeron poñer en valor unha colaboración institucional exemplar que permite ofertar mais e mellores servizos e optimizar recursos, o que repercute directamente na calidade das políticas públicas, dando ademais un exemplo de transparencia e boa xestión ao conxunto da cidadanía, especialmente na área de intervención do Programa Xuntas, que conta con 23.205 habitantes.
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos