O Concello de Salceda fai un balance positivo dos primeiros días de saída dos nenos e nenas menores de 14 anos aos espazos públicos que, salvo contadas excepcións, se realizou cumprindo as normas e respectando as indicacións marcadas dende o goberno. As sendas fluviais e os espazos abertos como prazas ou parques foron os lugares elixidos en maior maneira para estas saídas, que ademais se están a realizar ao longo de todo o día, evitando deste xeito as aglomeracións que poidan producirse nas horas puntas.
A Alcaldesa trasladoulle á Policía Local a necesidade agora máis que nunca da súa labor informativa, pedíndolle que asesorasen ás familias naqueles casos en que puidesen estar a incumprir algunha das normas marcadas. A propia policía local deulle traslado á alcaldesa dun balance positivo nestas primeiras saídas, salientando que, se ben sempre hai quen incumpre as normas, en xeral estas saídas estanse a realizar de xeito organizado e sen xerar maiores problemas.
O balance da pandemia do coronavirus está a ser positivo en Salceda, con tan só 8 persoas con resultado positivo nestes momentos, todas elas recuperándose nos seus propios domicilios. Precisamente por ese resultado positivo inciden dende o comité de seguimento na grande importancia de cumprir coas medidas de distanciamento social establecidas, e no fundamental que está a resultar o bo comportamento da cidadanía na obtención destes bos resultados que se agarda que sigan na mesma liña.
O persoal do centro de saúde trasladou tamén a través do comité de seguimento a enorme importancia de que Salceda siga na mesma liña de bo comportamento que permita manter estas cifras.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “a sociedade salcedense está a ser exemplo unha vez máis de bo comportamento, e apelamos á súa responsabilidade para que así siga a ser nas vindeiras semanas. Traballando na mesma dirección conseguiremos vencer a este virus entre todos e todas”
Gabinete de prensa, 27 de abril de 2020