Unha representación do municipio francés de Nanterre, visitou nestes días Salceda de Caselas, a invitación da empresa Granichan, para estudar as posibilidades de utilizar o granito da zona, o “Gris Salceda” nas obras de humanización que se pensan desenvolver nesa localidade francesa.
O concelleiro de Desenvolvemento Económico, Emprego, Comercio e Artesanía de Nanterre, Rachid Tayeb, acompañado polo alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, e responsables de Granichan, percorreu diversos lugares do municipio en que o granito “Gris Salceda” foi utilizado para distintos usos en obra civil.
Ao longo do percorrido, Tayeb quedou impresionado co traballo realizado na Casa da Cultura de Salceda, sobre todo o uso da pedra nas fiestras para conseguir unhas máis que útiles e orixinais contras de granito ventiladas.
A visita continuou pola Praza do Concello e polas rúas recentemente humanizadas, nas que o granito de Salceda é un compoñente básico e a Fonte das Carballas, recuperada hai pouco tempo e da que os visitantes franceses quedaron verdadeiramente impresionados polo traballo realizado e pola intelixente utilización do granito da zona para a súa restauración.
Ao longo da visita, quedou clara a potencialidade que o granito “Gris Salceda” ten para o uso civil, debido a súa alta resistencia ao desgaste e a súa beleza ornamental que se adapta a calquera entorno. Marcos Besada salientou a importancia da visita, “pola importancia que tería para a nosa economía o feito de que unha localidade como Nanterre poida utilizar o “Gris Salceda” nas súas obras de humanización”.
Non se pode esquecer, explicou o alcalde de Salceda, que Nanterre é unha localidade de 90.000 habitantes, capital de distrito, “e que sería un magnífico escaparate para amosar as posibilidades do noso granito nunha ampla zona da rexión de Île-de-France na que está enclavado”.