O Concello de Salceda de Caselas informa da apertura do prazo para a solicitude das axudas de aos sectores máis desfavorecidos da pandemia. O orzamento destinado ascende a 26.714,95 euros dentro da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e a contía ascende a 500 euros por solicitante.
Estas axudas están dirixidas a persoas autónomas, establecementos de hostalería, comercio e pequenas empresas de ata 10 persoas empregadas, que desenvolvan a súa actividade no termo municipal de Salceda e que cumpran os requisitos que se establecen nas bases.
A finalidade destas axudas é paliar nalgunha medida o impacto na actividade económica que deixaron as distintas restricións e peches perimetrais por mor da pandemia.
Subvencionaranse gastos de alugueiro, tanto bens mobles como inmobles, arrendamento de maquinaria e vehículos, gastos financeiros directamente relacionados coa actividade, servizos de xestoría, asesoría e consultaría, gastos de subministros, seguros vinculados á actividade económica, mantemento de comunicacións e compra de mercadorías relacionadas coa actividade.
As axudas serán directas e con carácter finalista, non podendo ser empregadas para outros fins, pero compatibles con subvencións doutras administracións. A concesión da subvención será a través de concorrencia non competitiva e o prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a contar dende o día seguinte a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BPO 21 de setembro)
Esta medida forma parte dun paquete de iniciativas que o goberno local ten establecidas para estes sectores, que se complementan con fondos propios destinados á programación de actividades dirixidas á promoción económica e fomento do comercio local. Así como outras medidas económicas como a exención da taxa de terrazas para os exercicios 2020 e 2021.
Verónica Tourón, alcaldesa e concelleira de comercio: “despois de atravesar unha época de tantas dificultades debido á crise sanitaria, consideramos que este tipo de iniciativas destinadas a incentivar o consumo de proximidade son a mellor maneira de axudar ao noso comercio local e hostalería. Un comercio no que hai que destacar o trato persoal, a proximidade e os produtos e servizos de calidade”
Gabinete de prensa, 23 de setembro de 2021