A Xunta de Goberno Local do concello de Salceda de Caselas aprobou no día de hoxe o proxecto de reparcelación do Polígono II do PERI (Plan Especial de Reforma Interior) UA-2. O ámbito total do PERI (incluído este polígono 2) foi aprobado de maneira definitiva en sesión plenaria do 8 de abril de 2014.
Con esta reparcelación o concello pasará a dispor dunha nova parcela para equipamentos públicos, dúas parcelas de espazos verdes, unha parcela patrimonial e outra para vivenda protexida. A superficie total deste polígono II do PERI ascende a 20.229,33 m2, dos que 5.662 m2 corresponden a espazos libres e zonas verdes e 2.738,73 m2 a zona de equipamento. Por outra banda, completado este proceso, as persoas propietarias afectadas polo PERI pasan a ter parcelas edificables, xa sexan de xeito individual ou colectivo (proindiviso)
As persoas propietarias teñen un mes, dende a publicación desta aprobación inicial no Boletín Oficial da Provincia, para presentar alegacións, do que foron informadas xa individualmente e nunha xuntanza informativa celebrada o 25 de maio. Xa con anterioridade a esta aprobación inicial contactouse con todas as persoas propietarias e se puxo en marcha atención personalizada para informar, aclarar dúbidas e colaborar na preparación das posibles alegacións.
Verónica Tourón Alcaldesa e Concelleira de Urbanismo: “A aprobación deste proxecto de reparcelación recolle as correspondentes operacións de distribución equitativa de acordo coa Modificación Puntual xa aprobada no 2014. E supón un gran avance que garante a dispoñibilidade dunha importante área dotacional para a planificación de servizos básicos para a veciñanza de Salceda, pobo que medra en poboación e que debe medrar en servizos, aproveitando todas as oportunidades das que dispoñamos”.
Gabinete de prensa, 3 de xuño de 2022