A Revolta Urban Culture Fest pon a Salceda de Caselas no epicentro da cultura urbana

Salceda de Caselas, 24 de Maio de 2024

Este sábado as persoas amantes da cultura urbana teñen cita en Salceda de Caselas co festival A Revolta Fest, que este ano estrea nome coa pretensión de acadar un maior impacto e repercusión a nivel internacional, para converterse nun dos eventos de referencia dentro desta disciplina.

 O festival fundouse no 2014, e comezou como un sinxelo e familiar campionato de Break Dance fronte o Estadio de Balaídos en Vigo. Despois de ir crecendo pouco a pouco, e coa grande acollida que tivo, rapidamente se converteu en internacional. En 2019 decidiuse o seu traslado ao concello de Salceda de Caselas, onde foi recibido como unha grande aposta. En 2021, incorporouse a disciplina urbana do Graffiti, e agora anos máis tarde, e coincidindo co 10º aniversario, incorpórase unha nova disciplina, o campionato de Batalla de Galos, Sangue a Feira.

Como principal actividade, o festival contará co Break Dance,  este ano incluída como disciplina nos Xogos Olímpicos. Haberá un taller gratuíto para os rapaces e rapazas que se animen a probar, ás 11:30, e pola tarde levarase a cabo o campionato profesional, “Who Rules International”, polo que xa pasaron por Salceda numerosos/as representantes olímpicos/as de diversos países, como Brasil, Francia, Finlandia, España….

Nun entorno natural, e de espectacular beleza, na actualidade o Festival celébrase no Parque Raíña Aragonta, onde se agarda que este ano centos de persoas poderán achegarse a ver calquera das disciplinas. Un Festival que ao longo dos anos  continuará na súa aposta e crecemento  para converter a Salceda nun punto de referencia a nivel internacional .

O festival manterá o acceso ao público de maneira libre e gratuíta.