Salceda de Caselas, 05 de decembro de 2024
O Departamento de Urbanismo traballa no expediente de apertura dunha nova rúa peonil que unirá a Praza do Concello coa rúa Brasil, e que estaba prevista xa nas normas do 1997. O proxecto suporá a creación dun novo espazo público seguro, amable e de calidade pensado para as persoas, cunha superficie de 956 metros cadrados, que contará cunha ampla zona verde de esparcemento e percorridos que permitan a mobilidade inclusiva e a autonomía infantil e que na práctica suporá unha ampliación da propia Praza do Concello nunha zona ata o de agora sen desenvolver.
O Concello mantivo xa tres reunións coas persoas propietarias das parcelas afectadas antes da aprobación inicial prevista para finais deste mes de decembro e que suporá a apertura da exposición pública e polo tanto do período de alegacións.
A apertura desta nova rúa peonil inclúese dentro dun “Plan de apertura de viais” deste Goberno, que levará parello o proceso de rehabilitación e remate de varios edificios no Concello de Salceda de Caselas, para o cal o equipo técnico traballa xa no prego de cláusulas administrativas que regulará o procedemento, e que conlevará a obriga de rematar as edificacións inacabadas no casco urbano. Este proceso é fundamental para rematar co feísmo urbanístico, pero tamén para aumentar o parque de vivenda en Salceda, que a día de hoxe non é suficiente para satisfacer a demanda actual.
Este é sen dúbida, o proxecto de maior envergadura dos últimos anos no que á ordenación urbanística se refire, polo que o equipo de goberno vén de definilo xa como o inicio da “segunda transformación de Salceda”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda e encargada da área de urbanismo: “cumprimos a nosa palabra de comezar a segunda transformación de Salceda, actuando no corazón da vila e buscando maiores espazos de lecer para as persoas. Se algo caracteriza o noso urbanismo é a naturalización dos espazos, poñéndoos a disposición das persoas”.
O Plan de Mobilidade Sustentable do Concello de Salceda, aprobado por unanimidade dos grupos políticos, recolle como liña estratéxica a “racionalización da estrutura viaria no núcleo urbano”, propoñéndose a apertura de novos viarios contemplados nas Normas Subsidiarias, que á súa vez contarán coas axeitadas condicións de mobilidade e accesibilidade pertinentes, tal como acontece neste caso.
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos