A Concellaría de Igualdade do Concello de Salceda de Caselas organizou unha xornada de formación para o corpo da Policía Local no marco da loita contra a violencia de xénero. Os cinco axentes activos neste momento asistiron á formación organizada no mesmo Concello por medio das axudas da Deputación de Pontevedra destinadas á contribuír na loita contra a violencia de xénero, e que no caso de Salceda de Caselas se destinaron en parte a esta acción formativa.
Polo xeral, a primeira toma de contacto das vítimas de violencia de xénero e o sistema soe producirse mediante o trato directo cos diversos corpos de seguridade cidadá, e no caso do Concello de Salceda mediante o contacto directo, vía denuncia ou intervención, da Policía Local. O que está claro é que nun tema tan delicado, e con unha envergadura tal como é o da violencia de xénero, resulta de vital importancia que ese primeiro contacto da vítima coa Administración sexa o máis axeitado posible e se consiga por parte da vítima unha sensación de plena confianza no sistema. En numerosas ocasións o éxito ou o fracaso de tal contacto queda máis en mans da boa vontade e saber facer dos/as membros dos corpos policiais que dos medios ao seu alcance e formación específica dos/as seus/súas axentes.
En base a isto dende o Concello de Salceda considérase necesario dotar de formación aos/ás axentes da súa policía local para que podan afrontar situacións deste tipo coas ferramentas e sendo coñecedores/as da problemática asociada ás vítimas (mulleres e nenos/as afectados/as por este tipo de delitos), de qué se espera deles/as neste tipo de actuacións, de como pode afectarlles psicoloxicamente vivir unha situación deste tipo, etc. Deste xeito poderán sentirse máis seguros/as no desenvolvemento do seu traballo ante este tipo de casos.
Os axentes manifestaron a súa satisfacción coa formación recibida, quedando polo tanto aberta a porta a futuras acción deste estilo. Cabe lembrar que recentemente a Xunta Local de Seguridade aprobou a solicitude de inclusión de Salceda no programa VIOGEN para a loita contra a violencia de xénero, o que leva vinculada unha maior formación da Policía Local nun campo sumamente delicado.
Tere Pérez, Concelleira de Igualdade: “O Concello de Salceda aposta firmemente pola loita contra a Violencia de Xénero. Accións como a de hoxe teñen que ser unha constante, pois somos conscientes de que en moitas ocasións os axentes da Policía Local son os primeiros en tomar contacto con unha muller maltratada, e non sempre están preparados para afrontar unha situación deste estilo”.