O Instituto Nacional de Estatística ven de facer públicos os datos de poboación do último exercicio, establecendo en 8.914 a cifra de habitantes empadroados no Concello de Salceda a 1 de xaneiro de 2016. Salceda alcanza así a cifra de poboación máis alta da súa historia, certificando un crecemento continuado nos últimos anos, que se establece xa nun 20% nos últimos 20 anos, xa que o Concello contaba con 7.402 habitantes a 1 de xaneiro do ano 2.006.
A franxa de idade con maior peso é a comprendida entre os 35 e os 45 anos, na que se sitúa o 22% da poboación. Por outra banda, non podemos esquecer que estamos a falar do Concello coa idade media máis nova de Galicia, contando nestes momentos con 1663 nenos e nenas de 0 a 15 anos (18,56%).
Varias son as causas que contribúen a este crecemento. Salceda conta con unha ubicación que a favorece, por estar a menos de media hora de Vigo, e a dez minutos da fronteira con Portugal, o que fai que moitas persoas a escollan como lugar de residencia pola súa boa comunicación.
Por outra banda, a contínua creación de servizos e infraestructiras para tódolos públicos e con especial fincapé nos máis cativos nos últimos anos fai que sexan moitas as parellas novas que se muden ao municipio: Casa da Cultura, Casa da Música, Comedor Escolar, Aula Matinal, Servizos de Logopedia, Sendas… Deste xeito, Salceda deixou de ser unha cidade dormitorio de Vigo para pasar a ser un municipio con vida propia e coas Prazas e Parques ateigados de xente cada día da semana.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Cada un dos habitantes cos que contamos son a mellor razón para seguir a traballar na construcción da Salceda que soñamos. Sempre é unha boa nova ver como a nosa poboación medra día a día e se amosan satisfeitos da súa vida en Salceda”.