Responsables da Fundación La Caixa visitaron as instalacións do campo de fútbol do Penedo Redondo en compaña de representantes da Escola de Fútbol Denis Suárez ademais de pola alcaldesa, Loli Castiñeira, o Concelleiro de Deportes e o arquitecto municipal. Miguel Capón, director da Escola, exerceu de anfitrión na visita guiada ás instalacións para que as persoas responsables da fundación coñecesen de primeira man a realidade da Escola.
O obxectivo da visita é a posta en marcha dun convenio de colaboración coa Escola de Fútbol Denis Suárez, no que esta participará como entidade prestadora do servizo dentro do programa CaixaProInfancia, dirixido a familias con menores en situación de pobreza e exclusión social.
O convenio xurde despois dos contactos realizados entre a escola e a fundación, nos que se puxeron de manifesto a similitude entre os valores de ámbalas dúas entidades, e foise materializando despois de diversas reunións mantidas en Vigo e Madrid.
A propia alcaldesa, Loli Castiñeira, expuxo o potencial de Salceda para proxectos dirixidos á infancia, tendo en conta a elevadísima taxa de natalidade do municipio (unha das máis altas de Galicia), así como a excelente ubicación pola cercanía con cidades como Tui e Vigo, e incluso con Portugal. Así mesmo, por medio do arquitecto municipal amosáronse os proxectos de ampliación das instalacións deportivas coa futura construción dun novo campo de fútbol 8 e posibilidade de novas instalacións na zona deportiva da Comunidade de Montes de Budiño, situada a pouco máis de cen metros de distancia, e incluso coa da parroquia de Soutelo, o que completaría un futuro triángulo que ofrecería novas oportunidades á comunidade deportiva de Salceda.
Gabinete de Prensa, 20 de xaneiro de 2021