A Concellería de emprego fai balance do primeiro ano do CDL O Torrón

A concellería de emprego e formación fai balance do primeiro ano de andaina do CDL O Torrón.

O Centro de Desenvolvemento Local O Torrón, acaba de cumprir un ano da súa posta en marcha, e a concellería analiza os resultados dende a presentación deste proxecto o pasado 31 de outubro de 2013 na xornada de portas abertas “CDL O Torrón, un impulso á modernidade e o progreso de Salceda”

No balance deste último ano cabe salientar que o Viveiro de Empresas foi ocupado no mes de marzo por tres emprendedores: un enxeñeiro no sector da enerxía, deseño de maquinaria e tecnoloxías da información, un emprendedor que desempeña actividades de reparación e mantemento a domicilio de todo tipo de avarías e u terceiro que se adica a actividades de deseño, innovación, arquitectura e formación. Ademais, a tenente alcalde, Marina Cabaleiro sinala o próximo inicio dun novo proceso de selección de proxectos para ocupar a última oficina do viveiro.

No espazo formativo cabe dicir que a concellería contou no último ano con máis de 400 alumnos nos diferentes cursos de formación levados a cabo dentro do Plan de Formación Municipal 2014, estando algúns deles en marcha neste intre.

Mención especial merece a Aula Mentor que se puxo en marcha en xaneiro deste ano, convertendo así a Salceda na sexta aula mentor da provincia, e primeira en concellos das nosas características. A aula conta con dous administradores, un que atende no CDL e outro no Concello. Esta iniciativa tivo moi boa acollida non só entre os veciños e veciñas de Salceda, senón que conta tamén con moitos usuarios e usuarias dos concellos limítrofes. Este sistema de formación para adultos a través de internet conta con un catálogo de máis de 170 cursos en distintas especialidades profesionais que van dende a ofimática, deseño e autoedición, sanidade, educación, xestión de recursos humanos, hostalería…

En relación coa formación, nos últimos meses fixéronse os trámites de homologación de aulas, pasando deste xeito a formar parte do Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar para as seguintes especialidades: Ebanistería, Operador Loxístico, Linguaxe de signos, Café-Bar e Servizos administrativos e de atención ó cliente.

Entre os servizos cos que conta O Torrón atópase o do Axente de Emprego que agora está reforzado con un servizo de Orientación Laboral Estable. É este o persoal encargado de xestionar a bolsa de emprego municipal que conta na actualidade con máis de 200 usuarios.

No capítulo de inversión, destináronse 43000 euros do orzamento municipal a dotar o centro con unha aula de Hostalería na especialidade de “Café-Bar”, quedando así totalmente equipado o espazo destinado a formación.

Marina Cabaleiro, tenente alcalde e responsable da área de Emprego e Formación do Concello, salienta “que a valoración é moi positiva, xa que o proxecto naceu coa premisa de converter un espazo en desuso no eixo de todas as políticas de emprego e formación, cubrindo así as necesidades dos nosos veciños e veciñas en materia de emprego e formación. Podemos dicir que cumprimos co obxectivo, xa que hoxe o CDL é un espazo vivo, dinámico e que xa é unha referencia na comarca. O proxecto CDL O Torrón pode resúmirse en tres palabras: formación, emprego e futuro.”

Foto: Marina Cabaleiro, responsable do proxecto do CDL O Torrón, na xornada de presentación.