A Casa da Cultura acolle unha charla sobre o programa ‘Iniciativa Xove’

O vindeiro martes, 15 de marzo, ás 20 h a Casa da Cultura de Salceda de Caselas acollerá unha charla informativa sobre o programa de axudas á mocidade ‘Iniciativa Xove’, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia e que será presentada pola concelleira de Mocidade do Concello de Salceda, Carla Pérez.

A charla resultará de grande interese, xa que os mozos e mozas asistentes poderán coñecer as diferentes liñas de axudas para o desenvolvemento das súas actividades ou para os proxectos que queiran poñer en marcha tanto dende asociacións xuvenís como das entidades que traballen coa mocidade.

O programa ‘Iniciativa Xove’ permite que un grupo informal de mozos e mozas -entre 5 e 8 persoas con idades entre os 18 e 30 anos- poidan reunirse en torno a unha actividade e poidan recibir ata 5.000 euros para o seu desenvolvemento, podendo cobrar ata o 80% do custe por adiantado, para poder desenvolver o seu proxecto sen problemas de liquidez.

‘Iniciativa Xove’ busca que mocidade poida poñer en práctica ás súas ideas relacionadas co emprendemento, lecer, comunicación, novas tecnoloxías e outros campos do seu interese. Este ano, entre as moitas novidades que presenta dito programa, marca como prioritarios aqueles proxectos que contribúan á conservación do medio ambiente e a posta en valor do patrimonio natural. Unha vez rematados os proxectos, os participantes poden obter un certificado oficial de experiencias de ‘educación non formal’ en materia de xuventude, como instrumento que permite confirmar a participación neste programa e sobre todo valorar as competencias adquiridas.

A xornada do martes servirá tamén para expoñerlles ás asociacións presentes a posibilidade de constituír o Consello Local da Xuventude de Salceda, un órgano onde estarían representadas tódalas asociación con voz e voto, e que sería un instrumento trementamente válido para dar voz á mocidade nas políticas locais que se leven a cabo.

A charla, presentada pola Concelleira de Mocidade de Salceda de Caselas Carla Pérez, terá coma poñentes a Humberto Rey (técnico de mocidade e responsable da OMIX) e Alberto Fontenla da Rede de Dinamización Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Carla Pérez destacaba a importancia “de todas cantas actividades estean dirixidas á dinamización da mocidade e a dar un marco para a realización dos seus proxectos. Nese sentido sempre atoparán a axuda do Goberno de Salceda de Caselas que mantén o seu compromiso de habilitar todas aquelas medidas e canles, que permitan o desenvolvemento da súa mocidade”.

 

Gabinete de Prensa, 12 de marzo de 2016