O Concello de Salceda presentou esta mañá as XIII Xornadas da Camelia, que se celebrarán os vindeiros 19 e 20 de marzo. Na mostra participarán máis de 60 expositores chegados de toda a xeografía galega e do norte de Portugal, que amosarán centos de variedades desta flor ornamental de orixe oriental, que se estenderán ao longo de máis de 100 metros de exposición, ubicada no Auditorio Municipal.
Lucía Pereira, Concelleira de Turismo e encargada da xestión da mostra, agradeceu especialmente o traballo de Antonio Rivero e da Asociación de Xubilados/as e Pensionistas de Salceda, pois sen a súa axuda sería imposible levar a cabo a mostra.
Ademais das diferentes variedades de flor que se poderán ver en Salceda, poderanse coñecer tamén outros produtos derivados da camelia, tales como marmelada, te, madeira ou aceite, que estarán presentes grazas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que realiza unha labor fundamental no estudo e difusión das diferentes posibilidades que ofrece esta flor, e que cada ano ven participando na mostra de Salceda.
A Concelleira de Turismo, Lucía Pereira anima a visitar durante a fin de semana Salceda a todas as persoas que queiran gozar da camelia nun dos eventos máis importantes do ano e que nas últimas edicións contou con máis de 2.000 persoas visitantes. Así, a Mostra conta con diversos actos de programación cultural complementaria, como a actuación de Xulio Lorenzo o sábado ás 16:30 no acto de inauguración, que contará coa presenza dos expositores ademais dos organizadores e colaboradores.
A Alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón salientou a importancia de retomar actividades socioculturais tan importantes e tradicionais para Salceda como as Xornadas da Camelia, despois de dous anos de pandemia, que contribúen activamente á promoción e difusión da camelia como un símbolo representativo da natureza do noso concello, da nosa provincia e de Galicia en xeral.
Gabinete de prensa, 15 de marzo de 2022