A Biblioteca Municipal de Salceda, integrada na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, procederá a realizar o cambio de sistema de xestión o vindeiro luns 15 de xullo. Con motivo deste cambio de sistema, o servizo de préstamos e devolución de libros permanecerá pechado a partires do venres 12 de xullo ás 15:00, polo que as persoas usuarias deberán agardar ao mércores 17 para acceder ao mesmo.
A sustitución do sistema Meiga polo novo KOHA vai facilitar a labor do persoal técnico das bibliotecas a través dunha xestión unificada e eficaz, ademáis de numerosas vantaxes para as persoas usuarias: acceso aos servizos de tódalas bibliotecas da rede, consulta do catálogo xeral da rede, servizos online sen necesidade de desprazamentos e préstamos de libro dixital. Así, o novo carné da biblioteca será un carné “universal” que permitirá o acceso á totalidade das bibliotecas integradas na rede.
Ademáis, a biblioteca pasará a contar coa denominada “Política C”, que permitirá ás persoas usuarias realizar ata cinco préstamos simultáneos e facelo por un periodo de 21 días.
Deste xeito, Salceda únese aos Concellos que migran do sistema Meiga, usado ata o de agora, ao KOHA. Isto posibilitará a integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia, coa creación dun catálogo único e a unificación do traballo do persoal técnico das bibliotecas. Outra das novidades que trae consigo a instalación deste novo sistema é a creación dun carné único para todas as usuarias e usuarios, podendo acceder aos servizos de todas as bibliotecas integradas na Rede. As socias e socios deberán pasar pola biblioteca municipal para obter o novo carné.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “Agradecemos a paciencia nestes días de cambios polas molestias que se poidan ocasionar, pero sen dúbida o resultado deste cambio vai supoñer grandes vantaxes para os socios e socias da nosa biblioteca”.
Gabinete de prensa, 11 de xullo de 2019