A auga das fontes de Salceda é apta para o consumo humano

O Concello de Salceda a través da Concellaría de Medioambiente que dirixe Carla Pérez ven de realizar análises na auga de 41 fontes públicas, escollendo aquelas máis frecuentadas polos veciños e veciñas. Os resultados son moi positivos, establecendo a potabilidade en 38 das 41 fontes analizadas. Estas fontes contarán coa súa correspondente placa informativa na que se dará conta da última análise realizada. Lembran sen embargo dende o Concello que os resultados non teñen garantía sanitaria máis alá do momento no que se realizan as análises, pero son un bo indicativo do estado da auga.

As análises periódicas permiten coñecer a situación das diferentes fontes, e establecer protocolos de actuación naqueles casos en que os resultados sexan negativos pero que poidan ser correxidos. Nesta ocasión pasouse de 33 a 41 fontes analizadas, dando así unha maior cobertura ao longo das sete parroquias do municipio.

O Concello de Salceda leva anos facendo un importante esforzo na recuperación do patrimonio entre o que se inclúen diversas fontes, como a fonte Rubás que se está a poñer en valor na actualidade e que presenta unha análise favorable e apta para o consumo humano. O traballo feito en acadar o saneamento da maior parte dos barrios e espazos públicos resulta sen dúbida fundamental para a obtención destes resultados tan positivos.

 

Salceda de Caselas, 9 de abril de 2018