Máis de 60.000 € da Deputación para o mantemento e mellora dos espazos públicos

A Deputación de Pontevedra, a través da Liña 2 do Plan Concellos 2018, financia un total de 62.405,56 € no Concello de Salceda de Caselas destinados a mantemento de espazos públicos.

Así, unha parte vai destinada ao mantemento das estradas e camiños públicos, tanto no que se refire ao firme como aos desbroces de cunetas e espazos públicos.

Importante tamén é a aportación que se fai para o mantemento e mellora das diversas sendas fluviais existentes no Concello, así como para a mellora de parques e xardíns e outros espazos para o uso e disfrute da veciñanza de Salceda e persoas visitantes.

Por último cabe destacar a financiación de materiais para a recuperación dos terreos queimados polos incendios de outubro de 2017, así como as obras de recuperación das sendas fluviais tralos danos sufridos polas graves riadas que seguiron aos mencionados incendios.

Con esta aportación do ente provincial, o Concello pode acometer melloras que doutro xeito serían moi difíciles de levar a cabo, polo que estamos a falar dunha financiación fundamental para o día a día do Concello, e vital para facer fronte aos imprevistos como é o caso dos incendios ou as riadas.

 

Gabinete de prensa, 18 de outubro de 2018