Tralo enorme éxito acadado os anos anteriores, as Concelleiras de Comercio e Cultura do Concello de Salceda, Loli Castiñeira e Tere Pérez, acompañadas dunha representación dos hosteleiros e hosteleiras da vila, veñen de presentar a VI Ruta Pincho Folk, que se vai celebrar durante os venres e sábados do 7 ao 29 de setembro (ambos incluídos). Un total de 15 establecementos van participar na ruta, repartidos en duas rutas: venres e sábados. Nos locais serviranse pinchos ao prezo de 1 € en horario de 20:00 a 23:59.
A ruta de pinchos conta co engadido do folk, quedando aberta a participación a todos aqueles/as gaiteiros/as, pandeireteiros/as ou músicos/as en xeral que desexen asistir e pasar unas boas noites de foliada na compaña da mellor gastronomía.
Os locais lucirán un distintivo nas súas fachadas, que os sinala como establecementos participantes no Pincho Folk, diferenciando así mesmo entre a ruta dos venres e a ruta dos sábados. Os/as clientes que degusten os pinchos en diversos locais entrarán no sorteo de premios como circuítos termais, lotes de productos ou cheques en efectivo. Para elo terán que recoller as tarxetas de participación nos establecementos hosteleiros e ir cubríndoas en cada un dos locais visitados. Tamén os/as hosteleiros/as optarán ao Pincho de Ouro elexido pola clientela e aportado por ACISA.
Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio e Turismo, presentou o evento como una importante iniciativa para dinamizar o pobo e sobre todo os establecementos hosteleiros. “Pensamos en seguir organizando este tipo de eventos que apoien ao comercio local, neste caso á hostelería. O Concello plantexou a iniciativa e estamos moi satisfeitos coa acollida que tivo por parte dos diferentes establecementos e coa colaboración obtida dende o primeiro momento”.
Tere Pérez, Concelleira de Cultura, aproveitou para convidar aos diferentes grupos de música tradicional a participar no evento. “As diferentes iniciativas que levamos a cabo para as agrupacións de gaiteiros/as e pandeireteiros/as teñen sempre grande acollida, como no caso da Agrupación Gaiteira de Salceda ou do Serán dos Callos. Tamén o Pincho Folk segue na mesma liña, polo que aproveitamos para convidar a todos/as aqueles/as afeccionados/as á música tradicional para que veñen botar unhas pezas e desfrutar dos exquisitos pinchos que preparan os/as hosteleiros/as”.
Gabinete de prensa do Concello de Salceda de Caselas
6 de setembro de 2018