A Praza de Abastos de Salceda conta con un novo sistema de iluminación que favorece tanto ás bancadas como aos postos fixos do mercado. Dase así resposta a unha demanda trasladada polas persoas que ocupan os diferentes postos de venta no inmoble, e que tiñan solicitado esta mellora, xa que consideraban insuficiente o sistema de iluminación existente ata o de agora, polo que a miúdo tiñan que complementar a iluminación existente cos seus propios sistemas de alumeado.
Nos últimos anos o Concello de Salceda ven realizando numerosas melloras na Praza de Abastos que a están a converter xa en referencia en toda a comarca. Cos investimentos realizados lévanse atallado xa problemas como as correntes de aire do edificio coa colocación de falso teito, ou a conexión coa zona de aparcadoiro da carballeira situada detrás da edificación , efectuando unha apertura no semisoto e executando unhas escaleiras de acceso.
A primeira fase do Proxecto de Mellora levouse a cabo xa no 2013, e supuxo a adecuación do edificio e o seu entorno ás necesidades básicas de accesibilidade e comodidade para vendedores/as e clientes/as, ofrecendo un maior atractivo da zona tanto no interior como no exterior. Dende entón véñense sucedendo as obras de mellora priorizando en todo momento as necesidades e suxerencias prantexadas polos/as vendedores/as, así como polas persoas usuarias da Praza de Abastos.
Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio: “traballamos en diálogo constante cos/coas praceiros/as, establecendo conxuntamente con eles as prioridades de actuación. A colaboración entre ámbalas dúas partes é fundamental, e así seguiremos a facelo na procura dos mellores resultados para a nosa Praza de Abastos”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguimos a construír a nova Salceda pensada para a xente poñendo en valor os edificios municipais. Salceda tiña unha débeda histórica cos/coas vendedores/as da Praza de Abastos e estamos a poñer todo da nosa parte para saldar esa débeda e garantirlles as mellores condicións no desenrolo dunha tarefa fundamental como é a da venta de productos frescos”.
Salceda de Caselas, 18 de abril de 2018