A Xunta de Goberno Local do Concello de Salceda, celebrada o pasado venres 21 de xullo ven de aprobar a adxudicación definitiva dos postos da Praza de Abastos do municipio por un período de vinte anos que se poderá prorrogar en cinco anos máis. En total adxudicáronse 21 bancadas para venta de peixe fresco, ademáis de 3 postos fixos de carnicería, 1 de foitería e 2 de peixería. Os postos existentes na Praza de Abastos levaban en situación irregular dende o ano 2006 en que caducara a anterior concesión. Daquela o anterior Goberno Municipal promovera un Concurso de Adxudicación que quedara deserto por desacordo dos praceiros coas condicións do mesmo. Logo dun longo proceso non exento de dificultades, e con proceso de constante diálogo e negociación cos praceiros, agora por fin o Concello consegue regularizar a situación e adxudicar de novo as concesións.
O Equipo de Goberno de Movemento Salceda leva apostando firmemente pola posta en valor da Praza de Abastos, para o cal dende o ano 2013 se leva investido xa no edificio e a súa contorna un total de 362.272,03 €, realizando numerosas melloras que están a servir de exemplo para outros Mercados. Mostra disto é que a segunda fase da reforma foi a que obtivo maior puntuación de tódalas presentadas na convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia.
Cos investimentos realizados lévanse atallado xa problemas como as correntes de aire do edificio coa colocación de falso teito, ou a conexión coa zona de aparcadoiro da carballeira situada detrás da edificación, efectuando unha apertura no semisoto e executando unhas escaleiras de acceso.
Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio, destacou a “absoluta transparencia e igualdade de oportunidades coa que se realizou este procedemento, que nace como un novo proxecto de revitalizar a praza e dotala de todo o seu potencial como centro de venta de productos frescos da máxima calidade”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Con esta adxudicación cumprimos cunha débeda pendente cos nosos praceiros. A Praza de Abastos está a ser unha prioridade para este Goberno; levamos executado numerosas melloras e seguiremos a facelo para que o noso Mercado siga a ser un referente por todo o País”.