O mesmo Parque Raíña Aragonta foi o escenario no que o Alcalde de Salceda, Marcos Besada, asinou en presenza dos propietarios e propietarias expropiados/as as transferencias que por fin van poñer punto final a este longo proceso, e que converte o pagamento do adebedado nunha realidade a partires de hoxe mesmo.
O Equipo de Goberno ao completo arroupou ao Alcalde no acto de sinatura, no que estiveron presentes todos os afectados e afectadas xunto cos seus avogados, agás o Obispado Tui-Vigo que preferiu non asistir ao acto a pesares de ser o maior beneficiario da expropiación.
No ano 2005, coa expropiación dos terreos para o Parque Raíña Aragonta, sete propietarios non aceptaron os 24,04 €/m2 que lles ofreceu o Concello e recurriron ao xustiprezo, que lles recoñeceu 201,06 €/m2, ratificado despois polo TSX de Galicia no ano 2013.
Dende aquela, o novo Goberno do Concello leva afrontado xa o pago de 454.203,98 €. As últimas sentenzas do TSX obrigaban ao Concello a facer pagos en curtos períodos de tempo, o que poría en perigo a estabilidade orzamentaria do Concello, podendo causarlle serias dificultades á hora de manter servizos básicos para a cidadanía, polo que no pasado mes de marzo o Pleno do Concello aprobou a solicitude dun préstamo de 789.723,63 €, que permitiu que dunha vez por todas os/as propietarios/as poidan cobrar o que se lles debe, unha vez que os datos económicos do Concello permitiron por vez primeira realizar esta operación.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Hoxe é un día histórico para Salceda. Este Goberno cumpre os seus compromisos, e despois dun camiño longo e non exento de dificultades, hoxe por fin se cumple o que é de lei: que os expropiados e expropiadas cobren o que lles pertence. Os veciños e veciñas de Salceda saben que contan con un Goberno responsable que non vai escatimar esforzos por resolver cantas cuestións se presenten e sexan de xustiza”.